IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>balbordo>lingualaxe_achego

PREMIO LINGUALAXE PARA ACHEGO

O Equipo de Normalización Lingüística Balbordo concedeulle o Premio Lingualaxe á Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios de Gondomar (ACHEGO) como recoñecemento polo uso da nosa lingua nas actividades, documentación e publicidade da asociación e a súa contribución ao proceso de normalización lingüística no ámbito económico e comercial no Val Miñor. O acto de entrega deste galardón vaise celebrar mañá, venres, 2 de xuño, ás 22,30h no café Rañolas, de Gondomar, e contará coa actuación dun grupo musical formado por alumnado de 1º e 2º de Bacharelato do IES Auga da Laxe, acompañados polo seu profesor, Sergio Álvarez.

Coa entrega deste novo galardón, o ENL Balbordo ponlle fin a esta inciativa dos Premios Lingualaxe que nacía en xaneiro do ano 2004 co obxectivo de distinguir aquelas empresas e establecementos comerciais do Val Miñor que destacan polo uso do galego nas súas actividades, nun esforzo por recoñecer publicamente a aposta que estes establecementos fan nun ámbito no que a normalización do uso da nosa lingua ten aínda moito camiño por andar. Nestes dous anos, recibiron o premio Lingualaxe o Café Rañolas; o lavado de coches “O Albor” (xa desaparecido); a perruqería Susana Domínguez, de Vincios; a peixería Xanela do Mar, da Ramallosa; Fruitas Vilar, orixinaria de Baiona aínda que con tendas por toda a comarca; Kerkus xardinería; a empresa de enxeñería e topografía Vicente Álvarez, de Vincios; o Pazo da Escola, de Mañufe; e Zaloira Moda, de Gondomar.

Coa entrega deste último galardón a ACHEGO pretendemos recoñecer publicamente o uso que a asociación fai do noso idioma e tamén animar a todos os comerciantes e empresarios de Gondomar que aínda non usan o galego nos seus respectivos negocios a que vaian incorporando o noso idioma nas súas actividades como unha forma máis de proximidade e de mellora na atención aos seus clientes.