IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>arquivo>2008>xaneiro


A muller, innovadora na cienciaA muller, innovadora na ciencia. Do 20 de xaneiro a 21 de febreiro de 2008.

Do 28 de xaneiro ao 21 de febreiro poderemos visitar no centro a exposición A muller, innovadora na ciencia na que se presentan as biografías de 20 mulleres ligadas á historia das Matemáticas, acompañadas de propostas didácticas relacionadas coa súa investigación. 

Esta exposición xorde dunha iniciativa da Comisión de Mulleres e Matemáticas da RSME para celebración do 2007 como Ano da Ciencia e forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe un ciclo de conferencias en distintas universidades e institucións españolas. Contou de maneira notable co apoio da FECYT.

Ademais dos materiais expostos, levarase a cabo un xogo de preguntas que saíran publicadas na páxina web do instituto dende o día 13 ao 19 de febreiro. Poderá participar todo o alumnado do centro e repartiranse dous premios, un para a ESO e outro para bacharelato. As bases do concurso saíran publicadas o 30 de xaneiro e pódese facer a inscrición por grupos de 3 ou 4 persoas a partir dese día na conserxería do centro.

Os textos utilizados no xogo son unha tradución ao galego do material elaborado Carmen Jalón Ranchal (CEP Luisa Revuelta de Cordoba) e Mª Teresa Valdecantos Dema (SIPFA, Algeciras). Agradecemos tamén a colaboración da Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela.

 

A muller, innovadora na ciencia

Regras do xogo

  1. A participación está aberta a todo o alumnado do noso centro con dous niveis: ESO e bacharelato.

  2. Formaranse equipos de 3 ou 4 persoas de cada nivel.

  3. Os equipos inscribiranse en conserxería a partir do 30 de Xaneiro.

  4. As preguntas publicaranse  na web do centro os días 13, 14, 15, 18 e 19 de febreiro. Nos recreos poderase utilizar as aulas de informática.

  5. Os portavoces deberán entregar na aula de informática 1 por escrito as respostas razoadas das preguntas do día anterior antes do remate do recreo.

  6. Cada proba terá unha puntuación específica e o equipo que sume máis puntos ao final será o gañador. No caso de empate, celebrarase un sorteo.

  7. O premio consistirá nun cheque agasallo por valor de 50 € para cada nivel.

  8. Calquera incumprimento das bases supón a descualificación do xogo.

  9. A entrega do premio será o día 7 de marzo na biblioteca.

 


 

Actualización do departamento de Orientación

O departamento de Orientación engadiu novos contidos ao seu espazo na web. No apartado de Titorías, creado en outubro, publicaron os documentos correspondentes a este segundo trimestre e organizados en tres apartados:

  • Coeducación

  • Habilidades sociais

  • Valores

 

Ademais, abriron dúas seccións: unha dedicada ao alumnado e outra ás familias. Na primeira podemos atopar ligazóns de interese (Sistema Universitario Galego, Portal educativo da consellaría…), cuestionarios de intereses e aptitudes profesionais ou a guía de orientación para o alumnado de bacharelato. Na sección das familias están publicados dez documentos sobre o desenvolvemento dos rapaces e rapazas e outras cuestións de valor (problemas de aprendizaxe, divorcio…). Completa a sección unha guía de libros da biblioteca do centro dedicados a estes asuntos.

Por último, creouse unha sección protexida para titores e titoras para a que é preciso ter un identificador e contrasinal.


 

Tomas Palamidessi, segundo premio na  XLIV Olimpíada Galega de Matemáticas

Tomas Palamidessi, de 2º de Bacharelato, acadou o segundo premio na fase final da Olimpíada Galega de Matemáticas celebrada en Santiago de Compostela o pasado sábado 19 de xaneiro. 

Na primeira proba, celebrada o día anterior, tamén participaron, xunto con máis dun centenar de alumnos e alumnas de toda Galiza, Ángel Alonso e Juan José Pena, de 2º de Bacharelato.

Desde o noso sitio na Arañeira queremos darlle os parabéns e desexar a Tomás moita sorte para a fase nacional da XLIV Olimpíada Matemática Española que terá lugar en Valencia, do 27 ao 30 de marzo de 2008.


 

Linguas cruzadasLinguas cruzadas.

O Equipo de Normalización Lingüística Balbordo e o Departamento de Lingua Galega e Literatura do instituto organizan o luns, 21 de xaneiro, un acto que incluirá a proxección do documental Linguas cruzadas, de Mónica Ares e María Yáñez, e unha charla-coloquio coas autoras sobre a situación da lingua na xente nova.

Haberá dous pases:

  • Ás 17:00h, para o alumnado de 2º de bacharelato

  • Ás 19:30h, aberta ao público en xeral.

Perviven os estereotipos que marcan os falantes de galego ou de castelán? Existe conflito por causa da lingua? Que lle falta ao galego para estar normalizado? Que futuro lle espera? Linguas cruzadas é un documental de 50' que afonda na cuestión sociolingüística a través da xente nova, da primeira xeración que medrou co galego como lingua oficial.

Os protagonistas son mozos e mozas de menos de 30 anos, que medraron estudando o galego na escola e escoitándoo na TVG e na RG. As experiencias e opinións desta xeración son fundamentais para entender o estado actual da lingua e os retos para o futuro. Linguas cruzadas recolle as opinións e reflexións de 35 persoas, centrándose nalgunhas que representan diferentes paradigmas de falantes na mocidade actual.

 


 

Cursos de condución eficiente

Como unha medida para aforrar combustíbel  o CEIDA e a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (FAIMEVI), a Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) desenvolven unha campaña de condución eficiente. Trátase de cursos de condución de dúas horas de duración e con profesorado experto.

Toda a información está dispoñíbel neste enderezo.


 

"A persistencia da memoria", o famoso óleo de Salvador Dalí (1931).Que pasou no instituto nos cursos pasados?

Sabes que hai tres anos estabamos en plena campaña dos libros rulantes? Que contra xaneiro de 2005 comezaba a ofensiva laranxa ou que Jules Verne estaba de vacacións no noso centro? Todas as que foron novidades no seu día están gardadas no arquivo. Consúltao e fai memoria.


 

Trinta mil artigos na Galipedia

E algúns máis, exactamente, no momento desta actualización, 31.090. A Galipedia é a Wikipedia en galego. A súa construción comezou en marzo de 2003. Galipedia forma parte dun proxecto internacional feito por voluntarios, co propósito de facer unha enciclopedia libre, accesible, colaborativa e de balde en moitos idiomas. O obxectivo é a plena transmisión da sabedoría e o coñecemento sen restricións editoriais nin comerciais.


 

Enquisa sobre nutrición

A ANPA As Gaiandas solicita ás nais e pais do alumnado de 1º de ESO  que colabore na Enquisa sobre nutrición que van pasarlle nos vindeiros días. Cada alumno e alumna recibirá unha solicitude para autorizar a participación e mais a enquisa.

As enquisas serán analizadas por persoal cualificado do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Despois devolverán os resultados de cada participante xunto con consellos precisos para seguir uns bos hábitos alimentarios.

 


 

Nova listaxe de programas útiles

Estreamos o ano 2008 coas novas versións dos programas gratuítos que recomendamos para o mantemento da túa computadora:

Download CCleaner 2.03.532


CCleaner
Para facer limpeza nos discos da computadora: eliminación de arquivos temporais, historial de navegación, arquivo index.dat...

Download AVG Free Edition 7.5.516


AVG Free Edition
Un bo antivirus, gratuíto, e con moitas posibilidades para protexer as nosas computadoras das infeccións víricas do inverno.

Download Ad-Aware 2007 7.0.2.5


AdAware
Eliminación de programas espía (spyware), publicidade...

Download Firefox 3.0 Beta 2


Firefox 3.0
A nova versión do mellor navegador que no mundo hai.

Download Defraggler 1.01.044 Beta


Defraggler
Un
desfragmentador tan bo como o JkDefragg e mellor có de Windows.


Picasa 2
Un excelente organizador para todas as imaxes que gardamos e temos ciscadas en mil e unha carpetas.