IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>arquivo>2007>marzo
 

III xornada multideportiva e de ocio Que fale o corpo

O IES Auga da Laxe e o IES Terra de Turonio organizan conxuntamente o próximo venres, 30 de marzo a terceira edición de Que fale o corpo, unha xornada de actividades multideportivas e de ocio na que profesorado e alumnado dos dous institutos de Gondomar poderán participar en 25 obradoiros de diferentes actividades relacionadas coa área de Educación Física. Con esta xornada preténdese promover entre a xente nova a realización de actividades físicas e de ocio pouco coñecidas, moitas delas difíciles de desenvolver habitualmente nas clases, que fomenten a convivencia entre o alumnado dos dous centros e que presenten novas ofertas que poderían ter saída no Concello de Gondomar a través de escolas deportivas ou cursos para a mocidade con aletrnativas sas e divertidas para o tempo de ocio.

Os vintecinco obradoiros previstos son: baloncesto en cadeira de rodas, batuka, béisbol, bici-tandem, capoeira, clown, cociña sa, dardos, esgrima, expresión corporal, ioga, karate-do, maquillaxe, masaxe, muiñeira, musicoterapia, papaventos, percusión, performance, pilates, risoterapia, salsa, tai-chi, tiro con arco e xadrez.

Os obradoiros desenvolveranse entre as 9:30h e as 15:00h nas instalacións dos dous institutos, no Pavillón Deportivo Municipal e no campo de fútbol de As Gaiandas e organízanse en tres quendas, de xeito que os 600 alumnos aos que vai dirixida a xornada poderán participar en tres das actividades, segundo as súas preferencias, guiados por monitores especialistas e supervisados e acompañados polo profesorado dos dous centros de ensino.


 

Para resolver ecuacións de segundo graoPara resolver ecuacións de segundo grao

O programa Ecuador resolve ecuacións de segundo grao e unha incógnita. O autor é Sergio García é o programa é de balde. 

É valido para calquera sistema operativo de Windows desde MS Windows 95 en adiante. 


 

Día da Poesía

No último ano do século pasado, a UNESCO suxeriu a celebración do Día Mundial da Poesía. O día elixido foi o 21 de marzo. As razóns da UNESCO foron moitas: recoñecer as actividades poéticas que se realizan en todo o mundo, promover a poesía como una forma de cultura esencial, salientar a importancia da poesía na opinión pública...

Pola nosa parte imos ser testemuñas de como durante toda a semana a poesía vai inzar nas paredes do noso instituto. A Consellaría de Cultura publicou un Manifesto para o Día Mundial da Poesía de 2007, un fermoso texto de Fran Alonso, que reproducimos á dereita e que podes lelo premendo sobre a imaxe.


 

Convocado o 4º Concurso de teatro inmediato

4º Concurso de teatro inmediatoCon  motivo da celebración do Día Mundial do Teatro o grupo Vichelocrego Teatro convoca o 4º Concurso de teatro inmediato. O concurso conta coa colaboración do instituto, a Concellería de Cultura do Concello de Gondomar e a empresa de gráfica publicitaria Obatalá.

Os textos recolleranse o mércores 21 de marzo a partir das 18:00 horas no IES Auga da Laxe de Gondomar e o prazo para inscribirse remata o martes 20 de marzo ás 14:00 horas. As representacións terán lugar o venres 23 de marzo no I.E.S. Auga da Laxe de Gondomar a partir das 21.30 horas.


 

Actualización na sección de Orientación

O departamento de Orientación actualizou a súa sección engadindo unha completa información sobre as posibilidades académicas e profesionais para despois de 2º de bacharelato: selectividade, ciclos de grao superior...


 

Traballos do departamento de Tecnoloxía

Do departamento de Tecnoloxía vén unha galería de imaxes dos traballos que fixeron os compañeiros e compañeiras de 2º de ESO, unhas maquetas tridimensionais preparadas partindo dun plano.

 


 

Oito de marzo de 2007.Oito de marzo

Hoxe é o Día internacional da Muller Traballadora. O curso pasado colgamos unha nota cunha pequena historia deste día. Máis información sobre esa historia podemos atopala nesta páxina da Galipedia.

Tamén queremos lembrarvos que a biblioteca ten unha sección sobre a historia das mulleres. Así mesmo, recomendamos unha visita a esta páxina do sitio do Consello da Cultura Galega e ao seu Álbum de Mulleres, no que figura María Mariño, homenaxeada pola Academia Galega en 2007, e sobre todo aconsellamos pasar polo sitio de Alecrín.

 

Sociedade Atlética Val MiñorSociedade Atlética Val Miñor

A Sociedade Atlética Val Miñor (SAVM) vén de estrear o seu sitio na Arañeira. A sociedade fundouse en 1994 e por ela compiten moitos dos nosos compañeiros.

O sitio da SAVM é un blog no que irán publicando os resultados das competicións, as actividades propias, ligazóns relacionadas co atletismo e calquera outra información de interese.