Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576.

 vichelocrego_teatro>información_xeral

 Historia


Vichelocrego Teatro  

Vichelocrego Teatro é unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito galego que ten como finalidade a promoción do teatro. Constitúese como tal no ano 1999 partindo da necesidade de manter e consolidar un grupo emerxente de afeccionados ao mesmo que cultivaran esa afección no ámbito do teatro escolar nunha experiencia previa sostida e dirixida dende 1993 pola profesora Margarita Cachaza.

Vichelocrego Teatro está á súa vez integrada na Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), por entender que a súa finalidade verase facilitada ao compartir con outros grupos e asociacións de índole teatral experiencias, acceso a medios técnicos e de formación e exhibición das montaxes.

A nosa asociación está integrada por persoas de idades comprendidas nun amplo espectro: dende xoves de 12 anos ata adultos de máis de 60. Intentamos achegar a todos ao teatro dende todos os aspectos do mesmo, escenografía, utilería, iluminación, vestiario, maquillaxe, produción, difusión, formación como actores e dirección; sen descartar  que os seus compoñentes, sobre todo os máis novos, poidan contemplalo como unha saída profesional nalgunha das súas vertentes.

Interésanos salientar estas características de lugar de encontro interxeneracional e de formación que nos parecen, ademais de complementarias na súa finalidade de fondo, de grande interese social.

^

 

Obras Vichelocrego Teatro

 

  •  Spot (Temporada 2007-2008).

Trece escenas, trece, dun humor que vai da man do insólito para previrnos dos efectos secundarios, ás veces de extrema gravidade, da publicidade nas nosas vidas.

  •  O romance de Micomicón e Adhelala (Temporada 2006-2007).

Farsa de Eduardo Blanco Amor. 4º premio no X Certame Galego de Teatro Xuventude 99.

Altos funcionarios da coroa británica preparan o roubo de varias mercadorías que a súa maxestade envía ás tropas durante a guerra colonial.

  •  El proceso de Lúcullus (Temporada 2004-2005).

De Bertolt Brecht; adaptación da obra escrita en 1939; alegación contra a guerra escrita orixinariamente para a radio e que despois constituiría a base do libreto da ópera de Paul Dessau, La Condena de Lucullus.

  •  Deus (Temporada 2003-2004).

Comedia escrita por Woody Allen; traducción de Concha Costas.

  • Proceso en Jacobusland. Fantasía xudicial en ninguresProceso en Jacobusland. Fantasía xudicial en ningures (Temporada 2002-2003).

De Eduardo Blanco Amor, obra escrita polo autor en 1973.

  • Woody, Woody 2 (Temporada 2001-2002).

Adaptación de tres pezas breves de Woody Allen.

  • Woody, Woody 1 (Temporada 2000-2001).

Adaptación de tres pezas breves de Woody Allen.

 

  • Metamorfose

Interpretación das diferentes fases do desenvolvemento das bolboretas.

  • A Traviata

Teatro negro, adaptación da ópera de Giuseppe Verdi.

  • A función de Ramón

Traballo de expresión dramática cun curso completo de 1º de B.U.P.

  • Cabezas, pernas, e de extras, a metade

Traballo de integración implicando os participantes nun intercambio escolar con alumnos do I.E.S. de La Garriga, Barcelona.

  • La historia del rebuzno y El retablo de Maese Pedro

Adaptación de dous capítulos de  Don Quijote de Miguel de Cervantes.

  • FedraO achado do castro de Manuel Núñez Singala.

Adaptación de Manuel Lourenzo da traxedia  Fedra, de Séneca. 5º premio no XI Certame Galego de Teatro Xuventude 2000.

  • O bosque máxico de Xabarín

Peza de teatro infantil, de Manuel Lourenzo. 2º premio e premio especial á mellor representación en galego no XII Certame Galego de Teatro Xuventude 2001.

  • Auto de los Reyes Magos. Representación del Nacimiento de Nuestro Señor

Pezas breves de teatro sacro medieval.  Auto de los Reyes Magos... é a primeira obra dramática escrita en español, anónimo do século XII. La representación... é de Gómez Manrique, século XV. 3º premio no XIII Certame de Teatro Escolar Xuventude 2002.

  • Alicia no País das Marabillas

Adaptación do libro As aventuras de Alicia no País das Marabillas de Lewis Carroll.

  • O achado do Castro

Comedia infantil escrita por Manuel Núñez Singala.

^

Actividades


Á parte das representacións, o grupo ocúpase de organizar actividades estimulantes de cara ao coñecemento profundo do mundo do teatro, encamiñadas a mostrar aos rapaces todas as formas de traballo asociadas á representación teatral. Para conseguilo facemos: 

  • Clases de interpretación tentando abarcar as súas máis variadas vertentes: dicción, entoación, vocalización, ritmo escénico, xestualidade, expresión corporal, baile, canto...

  • Traballos asociados necesarios no teatro, por exemplo confección de traxes, construcción de máscaras, maquillaxe, iluminación...

  • Concentracións anuais dun fin de semana completo para preparar máis a fondo o traballo de interpretación.

  • Viaxes para mellorar o coñecemento teatral, por exemplo a Mérida, ao Festival de Teatro Grecolatino.Preparándose en Montalbo

  • Asistencia a representacións de compañías profesionais.

  • Estudio teórico da historia do teatro, vocabulario específico, etc.

Ademais, organiza diferentes actividades culturais que, tendo como sustento formal unha determinada posta en escena, supoñen momentos de encontro para todas as persoas do noso entorno territorial, por exemplo a celebración do Día dos Dereitos Humanos ou a celebración do Día Mundial do Teatro; así mesmo organiza actividades orixinais como o Concurso de Teatro Inmediato no que parellas, mixtas ou non, de actores ou actrices afeccionados poñen en escena un texto dado pola organización con 48 horas de antelación.

^