Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576.

 vichelocrego_teatro>Día_Mundial_do_Teatro

 
Día Mundial do Teatro, 2008

 

O día Mundial do Teatro é o día 27 de marzo. Celébrase dende o ano 1961. O Instituto Internacional de Teatro, organización asociada á UNESCO, distingue cada ano a unha persoa destacada internacionalmente no mundo do teatro e encárgalle a elaboración dunha mensaxe que se le, antes ou despois das representacións, en todos os teatros do mundo.

Ano 2008

Autor: Robert Laplage

Semblanza: ROBERT LAPLAGE naceu en Quebec en 1957 e cando descubriu todas as formas da arte, o teatro capta a súa particular atención. Entrou no Conservatorio de arte dramática de Quebec, onde se graduou e despois de completar estudos en París volve a Quebec forma parte de moitos proxectos creativos, acadando experiencia como actor, director e autor. Máis tarde pasou á formar parte do Theatre Repere, xa como profesional.

Versátil en todas as formas do teatro, o seu talento  queda contrastado en todos os campos: coma director, artista escénico, dramaturgo, actor e director de películas. A súa creativa e orixinal forma de aproximarse ao teatro tivo unha aclamación internacional; sacude o dogma do escenario clásico dende os seus cimentos, especialmente a través do emprego de novas tecnoloxías.

A historia contemporánea é a súa fonte de inspiración e o seu moderno e singular  traballo traspasa todas as fronteiras.

En 1984, a súa obra Circulacións moveuse por todo Canadá e recibiu, na decimoquinta edición de teatro internacional de Quebec, o premio á mellor producción canadiana. O ano seguinte A triloxía do dragón deulle recoñecemento internacional, esta obra foi seguida rapidamente por outras coma Vinci (1986), Polígrafo (1987) Placas tectónicas (1988)…. En 1988 formou a súa propia compañía profesional.

Mentres traballaba nos seus propios proxectos dirixía tamén obras clásicas, Macbeth, A tempestade… e así converteuse, con Soño dunha noite de verán no primeiro director Norteamericano en dirixir unha obra de Shakespeare no Real Teatro Nacional de Londres.

Recibiu innumerables premios, nacionais e internacionais sendo os máis destacados A Medalla dos Oficiais da Orde Nacional de Quebec, a Lexión de honor en Francia, o premio Stanislavski pola súa contribución internacional ao desenvolvemento do teatro, ou xa en 2007, o Premio Europa no Festival da Unión dos Teatros de Europa.

Fixo traballos de recoñecido éxito con Peter Gabriel e co Circo do Sol.

 

  MANIFESTO PARA O DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2008 

 

               Existen varias hipóteses que explican a orixe do teatro, pero a que eu atopo máis intelectualmente provocadora ten forma de fábula:

               Unha noite, no amencer dos tempos, un grupo de persoas reunidas nunha caverna, quentándose arredor dunha fogueira, contaban historias. De súpeto, unha delas tivo a idea de poñerse de pé e usar a súa sombra para ilustrar o seu conto. Usando a luz das laparadas, fixo aparecer os personaxes, impresionantes nas paredes da cova. Asombrados, todos recoñeceron sucesivamente o forte e o débil, o opresor e o oprimido, o deus e o mortal.

               Hoxe en día, a luz dos focos reemprazou o lume orixinal, e a maquinaria escénica os muros da caverna. E, co debido respecto aos puristas, aquel lume lémbranos que a tecnoloxía se atopa xa nas orixes do teatro, e non debería ser percibida coma unha ameaza, senón coma un elemento unificador.

               Que a arte do teatro sobreviva depende da súa capacidade de reinventarse a si mesmo, abrazándose ás novas ferramentas e ás novas linguaxes. Pero, ¿é que podería o teatro continuar dando boa fe dos grandes temas da súa época e promover o entendemento entre as persoas se non tivese espírito de apertura en si mesmo? ¿Como podería enorgullecerse de ofrecer solucións aos problemas da intolerancia, a exclusión e o racismo se, na súa propia creación, se resiste a calquera fusión e integración?

               Para representar o mundo en toda a súa complexidade, o artista debe incluír novas formas e ideas, e confiar na intelixencia do espectador, que é capaz de distinguir a silueta da humanidade dentro deste perpetuo xogo de luz e sombra.

               É verdade que quen xoga moito con lume corre un grande risco, pero permítenos unha posibilidade: nós, quizais ardamos, pero tamén poderemos sorprendernos e iluminar.

 

Robert Laplage