|
Desde
a biblioteca do IES Auga da Laxe
propuxemos Usha, de María Reimóndez,
como "Libro do mes" para novembro,
polo que estamos a preparar materiais e
propostas de actividades que nos permitan un
mellor aproveitamento da lectura desta
novela. Xogos de busca, un glosario e un
breve comentario dos referentes culturais
que aparecen no libro, un xogo de preguntas,
algunhas actividades interdisciplinares
desenvolvidas por profesorado de diferentes
áreas, recomendacións de lecturas
complementarias, ligazóns de interese e
unha sesión final do noso club de lectura,
coa presenza da autora, son algunhas das
propostas que vos facemos. Algunhas delas
recollémolas xa aquí e as que vaian
xurdindo irémolas engadindo ao longo do mes
de novembro.
María
Reimóndez, Usha, Xerais, Vigo,
2006.
Uxía,
Usha para os seus amigos, fálanos da súa
relación coa India, país onde pasa
longas tempadas acompañando a súa nai,
membro dunha ONG que traballa en proxectos
de cooperación no estado de Karnataka.
A
súa vida na vila de Devastana pemitiralle
facer amigos, aprender novas linguas e
costumes e adquirir unha visión diferente
da vida, froito dos contrastes entre o
mundo do que ela procede e esa cultura
nova que a acolle.
María
Reimóndez (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete
de profesión. En 1994 foi por primeira
vez traballar á India, máis en concreto
a Karnataka, en proxectos de cooperación
ao desenvolvemento e en 1998 fundou a ONG
Implicad@s no desenvolvemento, da que
é presidenta, para continuar e ampliar
ese labor. Na actualidade esta ONG
desenvolve proxectos de cooperación na
India e en Etiopía. Ademais de Usha,
María Reimóndez ten publicados o
poemario Moda galega e as novelas O
caderno de Bitácora e O club da
calceta.
Bindi:
círculo de cor que as mulleres poñen
na fronte.
Burfis:
sobremesa
preparada con leite e de distintos
sabores: coco, améndoa, chocolate, etc.
Chapati:
pan feito con pasta ríxida de fariña e
auga enrolada, e cocido nunha grella.
Churidar:
traxe típico da India composto de
pantalón e túnica longa.
Gulab
jamun: lambonadas fritidas e bañadas
en caldo de azucre, aromatizadas con
cardamomo e auga de rosas.
Gulabi:"rosa"
en canarés
Mandaki:
arroz
inflado sen azucre preparado con cebola,
tomate, manises e diversas especias que
adoita tomarse de almorzo en Karnataka.
Neem
(Azadirachta indica): árbore
da India con
gran cantidade de propiedades.
Pakora:
hortalizas rebozadas con fariña de
garavanzos e fritidas en aceite, que
substitúen o pan.
Palu:
parte final do sari, co que a muller se
cobre o ombreiro.
Rangolis:
debuxos con pos de arroz que se fan diante
das casas.
Rickshaw:
pequeno vehículo de dúas rodas, cunha
capota pregable, e na actualidade tirado
por unha motocicleta.
Rupia:
moeda principal da India e Nepal. Un
euro equivale a 57 rupias,
aproximadamente.
Sari:
vestido de muller consistente nunha tea
enrolada ao corpo.
DEUSES
HINDÚS:
Durga.
É
unha das formas da deusa Sakti, esposa de
Shiva, coñecida tamén cos nomes de
Parvati e Kali.
Ganesha
ou Ganapati. Deus da sabedoría, da
intelixencia, das artes e do comercio.
Represéntase con corpo de home barrigudo,
cabeza de elefante e catro brazos.
Lakshmi.
Deusa do amor, da beleza e da boa fortuna.
Shiva.
Deus da mitoloxía india que é a
manifestación da última realidade.
Represéntase co corpo de cor branca ou
cuberto de cinzas, cun colar azul que contén
un veleno para destruír os mundos. Tamén
pode aparecer con tres ollos.
LINGUAS:
na India son oficiais dúas linguas, o
hindi e o inglés, pero fálanse moitas
outras, entre elas o canarés ou o
marathi, que aparecen citadas en Usha.
Na
biblioteca temos 20 exemplares de Usha
para vós. Durante os recreos da semana do
6 ao 10 de novembro ímosvos propoñer un
pequeno xogo de busca de información que
poderedes resolver de xeito individual coa
axuda dos materiais que temos na
biblioteca. Ao remate da semana, entre
todos os xogos correctamente resoltos,
repartiremos os 20 exemplares da novela.
O
12 de decembro teremos unha nova sesión
aberta do Club de Lectura Auga da
Laxe para charlar e compartir
reflexións sobre este libro. Nesta sesión
contaremos coa presenza da autora da
novela, María Reimóndez. Será ás
18,00h na nosa biblioteca.
Tamén
podedes deixar os vosos comentarios sobre Usha
no Club de lectura virtual.
Estas
son algunhas das liñas temáticas que
aparecen tratadas na novela e que poden
ofrecer posibilidades de traballo nas
diferentes áreas disciplinares:
1.
Localización xeográfica da novela.
2.
As linguas na India.
3.
As relixións na India.
4.
A medicina ayurvédica.
5.
O traballo das ONGs que desenvolven
proxectos de cooperación e
desenvolvemento.
6.
A situación da muller na India.
7.
As relacións interculturais.
8.
Desenvolvemento sostible.
Lecturas
complementarias:
Ligazóns:
|