Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>biblioteca>e_máis>saber_abre_camiños...:agustín_fernández_paz_no instituto

 


Agustín Fernández Paz no instituto

O martes, 20 de decembro, ás 20.00h, tivo lugar na biblioteca do IES Auga da Laxe unha conferencia do escritor Agustín Fernández Paz, que falou sobre a influencia da lectura na formación dos rapaces e a importancia das familias no apoio á creación de hábitos lectores. Está charla-coloquio foi especialmente dirixida ás nais e pais do alumnado do centro, aínda que estivo aberta a todas as persoas que desexen asistir.

A conferencia enmarcouse dentro do programa de actividades de dinamización da lectura que a biblioteca do IES Auga da Laxe está a desenvolver baixo o lema Saber abre camiños e eses camiños pasan pola biblioteca, un proxecto que foi seleccionado no presente curso dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación e que inclúe distintos tipos de actividades encamiñadas a conseguir un mellor aproveitamento dos fondos da biblioteca, unha maior utilización dos mesmos nas actividades académicas por parte do profesorado e do alumnado e unha dinamización da biblioteca como espazo para o lecer, para a busca de información e, en xeral, para a mellora nos procesos de aprendizaxe.

Como complemento ao labor de implicación das familias no traballo de apoio á lectura, a biblioteca do instituto animou aos pais e nais a que inclúan libros entre os agasallos de Nadal que poidan facer e envioulles unha listaxe de libros recomendados, elaborada por un grupo de profesores do centro, coa intención de que lles poida servir de guía. 

As familias recibiron tamén un conto para nais e pais, Como quen bebe auga de Agustín Fdez. Paz, no que o autor fala da importancia que tivo o seu pai no seu amor pola literatura e da necesidade da colaboración entre as familias e a escola para reforzar o hábito lector dos rapaces porque "a lectura axúdanos a entender o mundo e a entendernos a nós mesmos, a enraizarnos no país en que vivimos e a abrirnos ao variado mosaico das culturas do mundo. Axúdanos a ser persoas máis tolerantes e solidarias. E tamén máis críticas, máis auténticas, máis libres".

Biblioteca
Un río de palabras