Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>arquivo>xaneiro_decembro_2010
De xaneiro a decembro de 2010

 

La cuisine française.
[07.40.51-21.12.10]

Para recadar fondos cos que financiar a viaxe a París de 2011, os alumnos e alumnas de Francés puxéronse mans á masa e preparar tortas e doces.

Velaquí queda un pequeno vídeo (21MB) dos adestramentos para os que Chez Javier puxo as instalacións da cafetería do centro a disposición do alumnado de francés. Cómpre premer na imaxe para baixalo. Coma sempre recomendamos o VLC Media Player para calquera tipo de formato de vídeo (e son).

Na sección do Departamento de francés podes atopar toda a información, documentación e normas da viaxe.

 

Premio para Marta Moro.
[21.40.11-14.12.10]

O Boletín Oficial do Estado publicou no seu número de hoxe a resolución dos premios  a "materiais educativos en soporte electrónico, aptos para uso e difusión en Internet".

Un dos premios é para Marta Moro, a orientadora do centro, en concreto para o seu sitio Vamos a publicidad.

O texto completo do BOE podes lelo premendo aquí.

Parabéns, Marta!!!

 

Concerto de Es un árbol.
[07.02.34-02.12.10]

Volve Es un árbol, o grupo onde o batería é Sergio Álvarez, profesor de Música do centro.

A cita é o sábado catro de decembro, contra as 00:00 no Bar Nogal, no centro comercial A Laxe en Vigo.

Es un árbol en Myspace.

 

Vichelocrego Teatro: A visita da vella dama
[13.12.34-30.11.10]

Continúa a actividade de Vichelocrego Teatro. A pasada fin de semana representaron A visita da vella dama no Colexio Xosé Neira Vilas de Peitieiros. Neste enderezo podes consultar toda a información sobre a obra e picando na ligazón de abaixo, un resumo da obra (ollo! Pesa case 300 MB). Coma sempre recomendamos o VLC Media Player para calquera tipo de formato de vídeo (e son).

A visita da vella dama.


Contacontos solidarios.
[02.12.34-30.11.10]

Co obxectivo de sensibilizar e concienciar ao alumnado sobre a necesidade dun compromiso solidario coa xustiza e a liberdade, Anxo Moure achegouse o día 18 de novembro ás aulas de 3º e 4º da ESO para falar, a través do conto, da situación dos  rapaces e rapazas nos países desfavorecidos e da necesidade dun consumo responsable.

Pateras, nenos soldados, fame, explotación infantil... polo feito por exemplo, como di o noso contacontos, “de ter nacido catorce quilómetros máis abaixo”. Os alumnos, coa axuda do atrapasoños, abriron a ventá para espallar xustiza, liberdade, solidariedade e compromiso.

Consultade o enderezo contosolidarios.org, para máis información.

 

 

Primeira gravación do curso.
[02.12.31-30.11.10]

O pasado dezasete de novembro o grupo de alumnos e ex alumnos que quedan a tocar e ensaiar pola tarde (ADL) fixo a primeira gravación do curso. Trátase dunha versión de The Dancer de PJ Harvey. Agora queda colgada nesta páxina e na sección do departamento de Música.

Os músicos son:

  • Rebeca Iglesias: voz

  • Xurxo Antúnez: saxo

  • Estela Rodríguez: violín

  • Manuel Vilas: guitarra

  • Sara Gaviño: piano

  • Arturo Peixoto: baixo

  • Alicia Grandío: batería

MP3 The Dancer (ADL)

 

25 de novembro.
[07.55.45-25.11.10]

Para ver se algo cambiou nos últimos seis anos colgamos a nota que en 2004 apareceu neste mesmo espazo.


Non te pases home...

 ... nin o fagas no meu nome. Co gallo do Día Internacional contra a violencia de xénero (xoves 25 de novembro) os profesores e alumnos, homes, do noso instituto súmanse ás accións que se estan a desenvolver en toda Galicia coa lectura do manifesto Non te pases home

O acto celebrarase o vindeiro xoves contra as doce da mañá asemade coa lectura nas emisoras de radio e polas institucións educativas e administrativas de todo o país.

 
Podes baixar o texto do manifesto en pdf desde esta mesma páxina. 

 

Manifesto Non te pases home

 

 

 

Clase maxistral de guitarra.
[07.11.45-17.11.10]

Rubén Villar de Lis, antigo alumno no instituto, deu o martes 9 de novembro unha clase maxistral de guitarra na aula de Música.

Á clase asistiron os alumnos e alumnas que tocan baixo e guitarra nos diferentes grupos e mais o grupo completo de 2ºB de ESO.

Nas imaxes, dous momentos da clase de Rubén.

 

 

Horario de titorías.
[00.12.05-09.11.10]

Cun algo de atraso xa está colgado o horario de titorías de atención aos pais e nais. Prégase que anuncien a súa intención de entrevistarse coas titoras ou titores con suficiente antelación, ben a través dos seus fillos e fillas, ben chamando por teléfono ao número 986 36 05 01.

 
 

Charla sobre doazón e trasplantes de órganos.
[20.12.05-26.10.10]

Organizada por Dona Margarita Miramontes do departamento de Bioloxía e Xeoloxía, coa asistencia dos profesores e profesoras de 4º de ESO,  celebrouse a charla sobre doazón e transplantes de órganos.

O tema da charla foron os aspectos legais, sociais,organizativos e humanos da doazón e transplante de órganos e dalgún aspecto científico.

Os conferenciantes foron  o Dr. Fernando Amador,  coordinador de transplantes do Hospital do Meixoeiro, e Don Celso García, presidente de ADROVI (Asociación de doantes e receptores de órganos de Vigo). Don Celso aportou a súa experiencia persoal como transplantado.

O alumnado asistente preguntou sobre as súas dúbidas aos conferenciantes  preguntas e tamén contestou ás preguntas que lles fixeron estes.

Todos os presentes foron agasallados co libro A vida, o mellor agasallo. Dous exemplares quedan no instituto. Ademais, na sala de profesorado quedan uns formularios para facerse doador ou doadora de órganos.

Á dereita tres imaxes da conferencia.

 

 

 

 

Actualizada a sección de Lingua e literatura española.
[20.10.35-26.10.10]

Está actualizada a sección de Lingua e literatura española. En concreto, xa están colgados os novos documentos sobre:

 

 

Programa de actividades extraescolares e complementarias.
[23.00.05-20.10.10]

O Consello Escolar aprobou o programa de actividades extraescolares elaborado pola vicedirectora, Elena Fernández, e polos departamentos didácticos do centro.

Pode consultar todo o programa de actividades premendo aquí ou na imaxe da dereita.

 

 

Logotipo da Xunta de GaliciaConvocatorias da Consellaría de Educación.
[20.43.45-12.10.10]

A Consellería de Educación publicou dúas convocatorias de interese no DOG do luns 11 de outubro. Trátase de dúas ordes polas que se convocan:

- os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2009-2010.
[Páxinas do DOG].
 os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2009-2010.
[Páxinas do DOG]

 

A ponte de outubro.
[10.49.05-07.10.10]

O Consello Escolar acordou que os días festivos propios do centro sexan o 11 de outubro e mais o 16 de maio. Daquela este luns, día 11 de outubro, non haberá clase nin outras actividades lectivas. Iso si, o mércores 13 todo o mundo a choiar.

 

 

A árbore e o temporal.
[22.02.01-04.10.10]

Pois o que comezou sendo unha alerta amarela rematou nunha alerta vermella e o centro cunha árbore menos. Como homenaxe ao caído velaquí queda o seu oco baleiro.

Cómpre vixilar o que vén e para iso non hai nada mellor que o sitio de Meteogalicia. Por certo, que arredor do día 23 de marzo, Día Mundial da Meteoroloxía, MeteoGalicia mándanos unha exposición moi interesante sobre esta ciencia e o traballo dos meteorólogos do país.

 

Servizos mínimos para o 29 de setembro.
[21.48.37-27.09.10]

O equipo directivo comunica que diante da  xornada de folga xeral prevista para o mércores día 29 de setembro, queremos informarlles que seguindo as normas do Decreto 151/2010, do 23 de setembro, para garantir os servizos esenciais, o instituto permanecerá aberto  no seu horario habitual  de 09:30 a 15:00 horas, e independentemente do número de profesores que secunden a folga, contará cos seguintes servizos mínimos garantidos no noso Centro: un membro do equipo de dirección e unha subalterna. Así mesmo, a Xunta considerou o servizo de transporte escolar, dentro dos servizos esenciais.

 

Concurso Ler e escoitar.
[14.26.48-27.09.10]

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, do I Concurso de Lectura en voz alta Ler e escoitar, destinado ao alumnado de 3º Ciclo de Primaria e 1º Ciclo de ESO.

A  convocatoria podes atopala seguindo esta ligazón.

 

Calendario para a realización de eleccións de membros dos consellos escolares.
[14.25.18-27.09.10]

A Consellaría de Educación publicou no DOG a resolución co calendario para a elección de membros dos consellos escolares.

Esta é a ligazón ás páxinas do DOG.

 

Enfoca o curso.
[13.27.11-18.09.10]

Atendendo ás bases e á decisión do xurado o resultado do concurso Enfoca o curso é o seguinte:

1º premio: Rebeca Tizón Rey.

2º premio: declarado deserto e non adxudicado.

3º premio: declarado deserto e non adxudicado.

Á dereita figura a imaxe gañadora. Parabéns para Rebeca e grazas pola participación para os demais fotógrafos e fotógrafas.

 

Normas de Funcionamento do Centro.
[13.22.31-18.09.10]

Na sección Documentos está colgada a versión actualizada das Normas de Funcionamento do Centro. Podes descargalo premendo aquí.


Aclaración da listaxe dos libros de texto de 1º e 2º de bacharelato.
[20.15.22-14.09.10]

Os ISBN correctos dos libros de texto de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de bacharelato e de Física e de Química de 2º de bacharelato son os seguintes:

  • Bioloxía e Xeoloxía de 1º de bacharelato: 978-84-9854-100-7

  • Física de 2º de Bacharelato: 978-84-8349-243-7  (edición de 2009)

  • Química de 2º de Bacharelato: 978-84-8349-244-4  (edición de 2009)

Nestas últimas dúas materias serve o libro de texto antigo malia que, para novas adqusicións, se recomenda o novo.


Fondo de Acción Social.

[13.18.20-10.09.10]

Toda a información sobre o Fondo de Acción Social de 2009 xa está dispoñible neste enderezo. A resolución coa listaxe provisional de axudas aprobadas e denegadas está publicada neste DOG.

Lembre que os criterios de reparto se publicaron neste número do DOG.

 

Comezo do curso 2010-2011.
[12.18.20-08.09.10]

Seguindo as instrucións sinaladas no calendario escolar para o curso 2010-2011, a data de comezo do curso é o 17 de setembro.

O horario é o seguinte:

- 10:00 :Presentación do curso para os alumnos e alumnas de ESO.

- 11:00: Presentación do curso para os alumnos e alumnas de bacharelato.

O luns día 20 comezarán as clases co horario habitual, o indicado o día da presentación.

 

Instrucións para o PCPI do curso 2010-2011.
[12.15.16-08.09.10]

Segundo as instrucións publicadas no Diario Oficial de Galicia o remate para a solicitude de matrícula dos PCPI do curso 2010-2011 remata o día 10 de setembro. A listaxe de alumnos e alumnas admitidos publicarase o día 13 de setembro. A matrícula farase entre o 14 e o 17 de setembro, ambos os dous incluídos.

 

Bolsas de estudos do MEC.
[07.48.59-12.07.10]

O Ministerio de Educación publicou a convocatoria de bolsas de estudos e axudas para alumnos e alumnas de niveis non obrigatorios e non universitarios (bacharelato, ciclos...).

O prazo de presentación comezou o pasado cinco de xullo e rematará o vindeiro 30 de setembro. O acceso á toda a información e mais aos trámites de solicitude pode facerse desde esta ligazón.

 

Enfoca o curso.
[18.50.11-08.07.10]

Lembra que malia estar de verán ;-) está en marcha o concurso fotográfico Enfoca o curso. As bases están entregándose coa matrícula para o vindeiro curso, pero se por calquera cousa non as tes podes recollelas na secretaría do centro durante o mes de xullo en horario de 10:00 a 14:00 ou baixalas seguindo a ligazón que vén a continuación ou premendo sobre a imaxe da dereita.

Sorte e bo verán!


 

Actualizada a composición do Consello Escolar.
[18.48.41-08.07.10]

Até as vindeiras eleccións a celebrar en 2010 pode consultar a composición do Consello Escolar do centro seguindo esta ligazón.

Consello Escolar.

 

Listaxe de libros de texto.
[21.10.11-05.07.10]

A seguinte ligazón leva á listaxe de libros de texto para o curso 2010-2011.

 

Novidades no DOG.
[21.13.46-01.07.10]
 

Na columna da esquerda hai un enlace a unha nova páxina onde quedarán apuntadas todas as novidades publicadas no DOG e referentes ao sistema educativo galego.

 

Novo equipo directivo.
[20.10.35-01.07.10]

O novo equipo directivo do instituto é o seguinte:

  • Director: Don Manuel Lado García.
  • Vicedirectora: Dona Elena Fernández Domínguez.
  • Xefa de estudos: Dona Margarita Cachaza Valeiro.
  • Secretario: Don Alberto Cifuentes Torres.

 


Calendario de setembro.
[19.43.46-30.06.10]

Aquí queda publicado o calendario de setembro aprobado na xuntanza de profesoras e profesores do pasado martes 29 de xuño.

 

 

Actividades para o martes 22 de xuño
[20.20.01-17.06.10]

Velaí queda o horario da programación actividades para o vindeiro martes 22 de xuño:

9:30 h.

Os alumnos e alumnas van ás súas aulas

9:35 h.

4º ESO e 1º Bacharelato

Saída ao campo As Cercas en Gondomar (Liga de fútbol 7).

9:45 h.

1º, 2º e 3º ESO.

Primeiro:   Obradoiro de hip hop no salón de actos.

A continuación:   Concertos de música no salón de actos.

12:00 h.

 

Recreo.

12:30 h.

Todo o alumnado.

Concertos de música no patio central.

13:30 h.

Saída dos buses

 

 

A volta de Toulouse
[23.57.59-10.05.10]

O grupo de alumnos e alumnas de  3ºB de ESO participaron o día 7 de maio na final internacional do Rallye Matemático Sen Fronteiras celebrado na cidade de Toulouse xunto a estudantes do Líbano, Romanía, Andorra, Marrocos, Tunisia, Francia e doutras comunidades  de España.

Parabéns desde o noso sitio na arañeira xa que foron un dos 5 grupos premiados por resolver correctamente os problemas propostos.

Nesta viaxe ademais de Toulouse, visitaron a vila medieval de Carcassonne e o parque temático, A cidade do espazo,  dedicado á astronáutica.

 

 

Durante as probas


Preme encol de calquera das tres imaxes para poder velas no seu tamaño orixinal.

Co IES de Chapela en Carcassonne

Á saída do Rallye


I
nmersión Lingüística  (en linguas estranxeiras) para o ano 2010.

[08.10.23-07.05.10]

A Consellaría de educación vén de publicar (de novo) as listaxes (corrixidas) das axudas  para estadías de inmersión lingüística.

Toda a información pode consultarse neste enderezo: https://www.edu.xunta.es/axudasle/ : estado da solicitude, reclamacións ás listaxes, etc.

 

VI Ligamats.
[21.42.22-04.05.10]

Pois ao final os compañeiros e compañeiras participantes na VI Ligamats quedaron  clasificados nun estupendo segundo lugar na Categoría B (1° ciclo da ESO). Lembramos que son Sara Gaviño Martínez, Bruno Elvis Costas Rodés, Pablo Costas Costas e Lucas Fernández Silva.

Ligamats é unha actividade organizada pola Asociación Escola Rosalía de Castro, coa asesoría pedagóxica da Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA) e o patrocinio de Caixanova, Concello de Vigo e SMART.

Parabéns para eles e para o departamento de Matemáticas.

 
Exposición Mulleres na Historia.
[00.10.22-04.05.10]

Trátase dunha actividade organizada pola Vicedirectora, Inma González, e realizada polo Colectivo 8 de Marzo do IES A Pontepedriña.

A exposición consta de 60 paneis explicativos que abranguen desde as primeiras reivindicacións feministas durante a Ilustración, ata as numerosas mulleres que no século XXI loitan desde moi diversos ámbitos por construir unha sociedade máis xusta.

Poderá visitarse no centro desde o 3 ao 14 de maio.

 

 

Novidades.
[20.20.12-28.04.10]

Velaí van algunhas novidades de interese.

A primeira é o calendario fin de curso aprobado polo claustro a semana pasada. Podes consultalo premendo aquí.

A segunda é unha pequena galería de imaxes dunha actividade sobre publicidade elaborada polo departamento de Inglés. Podes ver as imaxes premendo aquí.

- Calendario fin de curso.

- Departamento de Inglés.

 

E seguen dándolle ás matemáticas.
[19.14.49-25.04.10]

Unha alumna e tres alumnos dos primeiros cursos da ESO clasificáronse para a fase final da VI Ligamats. A e os clasificados son Sara Gaviño Martínez, Bruno Elvis Costas Rodés, Pablo Costas Costas e Lucas Fernández Silva.

A tal fase final será xa, o luns 26 de abril contra as 17:15. Agárdase que ás 18.45 as probas estean rematas.  Ligamats é unha das actividades encadradas na Semana Matemática e está organizada pola Asociación Escola Rosalía de Castro, coa asesoría pedagóxica da Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA) e o patrocinio de Caixanova, Concello de Vigo e SMART.

Coma en cursos anteriores a participación do noso centro nestas actividades é responsabilidade do departamento de Matemáticas

Parabéns aos catro clasificados e ás súas profesoras e profesor de matemáticas.

 

 

23 de abril, Día do Libro.
[08.11.29-23.04.10]

O Grupo de biblioteca propón unha bonita iniciativa para conmemorar o Día do Libro.

 Chámanlle Libros que deixan pegada. Trátase de recoller na mesma biblioteca e cubrilas despois unhas pegadas xigantes, tamaño pivot da NBA,  coa recomendación dos libros que queiramos compartir cos demais, eses libros que nos gustaron moito, que deixaron pegada en nós. Para saber máis do asunto cómpre visitar o blog da Biblioteca.

Por outra parte, recomendamos botar unha ollada a este vídeo colgado en YouTube e que nestes días enche as caixas de correo de todo o persoal. Paga a pena (e moito) miralo e escoitalo.

 

 

O alumnado de 3ºB a Toulouse (por boas matemáticas e matemátic0s)
[19.54.49-06.04.10]

O grupo de 3º B gañou o Rallye Matemático sen Fronteiras na categoría de 3º ESO. O rallye está organizado por AGAPEMA, a Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática, e o departamento de Matemáticas do noso centro o encargado da participación do instituto nesta competición matemática.

A final celebrarase o sete de maio en
Toulouse.


Oito de marzo, Día Internacional da Muller.
[21.01.28-07.03.10]

Este luns é 8 de marzo, celebramos o Día Internacional da Muller. Sobre a súa orixe podemos ler un breve artigo na Galipedia.

Ademais, propoñemos tres cousas máis. A primeira é botarlle un ollo a dous chistes de Forges. A segunda é visitar e ler os artigos de Mujeres en Red. El periódico feminista, un xornal electrónico que leva na rede desde agosto de 1997.

A terceira é unha solicitude para quen queira seguila, claro : non mercar nin ler xornais que leven publicidade con anuncios sobre prostitución (xeralmente colocados nas seccións de "anuncios breves").

 

 

Actividades feitas a pasada semana.
[21.01.28-07.03.10]

Continúan realizándose as Actividades extraescolares e complementarias recollidas no calendario.

O venres 5 de marzo fixéronse dúas máis:

- Saída do alumnado de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias da Terra de 2º Bacharelato ao Instituto de Medicina Legal da USC (Santiago).

-Saída do alumnado de relixión de 1º ESO á exposición fotográfica da Fundación Vicente Ferrer en Caixanova (Vigo).

 

 

O luns 1 de marzo de volta ao traballo
[09.06.01-28.02.10]

Arranxados os problemas na cuberta, despexado o centro de camión e maquinaria pesada e a melloría do tempo fan que a normalidade volte ao centro. Polo tanto, o luns 1 de marzo reanúdanse as clase s co horario habitual.

Na imaxe podemos ver o mapa significativo previsto para o luns por Meteogaliza, Nada interesante, un pouco de vento,  ou pouco de sol e un outro pouco de auga.

 

Aviso urxente
[15.06.01-25.02.10]

Debido aos graves danos causados no lucernario do instituto polos últimos temporais mañá, venres 26 de febreiro, persoal da Consellaría de Educación vai tratar de arranxalos (se o tempo llo permite).

Como a reparación esixe a introdución de camións e material pesado dentro do centro, ademais do risco de que algunha das pezas do lucernario se desprenda e caiga ao interior do instituto, quedan suspendidas as clases de mañá venres 26 de febreiro.

A dirección do centro prégalle aos membros do comunidade escolar (profesorado, alumnado, pais e nais…) que estean atentos ás novidades que se publiquen nesta páxina web por se as devanditas reparacións levan máis tempo do previsto.

 

 

Inmersión lingüística para 2010
[20.06.29-22.02.10]

A Consellería de Educación  e Ordenación Universitaria convoca 3.077 prazas para  realizar actividades de inmersión
lingüística no ano 2010. O prazo de presentación de solicitudes remata o  12 de marzo.

Toda a información sobre a convocatoria podedes atopala neste enderezo


Inmersión lingüística 2010

 

 

Resolucións do Claustro e mais do Consello Escolar sobre as bases plurilingüísticas.
[20.02.29-22.02.10]
 

O Claustro de profesores do I.E.S. Auga da Laxe, de Gondomar, acordou en reunión do 26 de Xaneiro de 2010, por maioría absoluta:

1. Manifestar o seu desacordo coas Bases para o decreto do plurilingüísmo no ensino non universitario de Galicia,

2. Apoiar, e facer público tal apoio, á Análise da Real Academia Galega das mencionadas Bases.

Ademais, o Consello Escolar do I.E.S. Auga da Laxe, de Gondomar, acordou en reunión do 26 de Xaneiro de 2010,
por maioría absoluta dos asistentes:

1. Manifestar o seu desacordo coas Bases para o decreto do plurilingüísmo no ensino non universitario de Galicia,

2. Apoiar, e facer público tal apoio, á Análise da Real Academia Galega das mencionadas Bases.

 

 

Chega o Entroido.
[09.20.12-08.02.10]

Faltan poucos días para que comece o Entroido. Lembrade que o luns 15, o martes 16 e o mércores 17 non son días lectivos. Para o venres 12 o horario será o seguinte:

 

  • 9:30 – 10:00        Tempo para disfrazarse nas aulas

  • 10:00                   Concurso de disfraces no Instituto

  • 11:00                   Desfile polas rúas de Gondomar

  • 12:30                   Entrega de premios

  • 12:45                   Actuación do profesorado

  • 13:15                   Saída dos autobuses

 

 

Zume de laranxa para bacharelato.
[17.47.50-02.02.10]

A ANPA As Gaiandas subvenciona outra Semana do zume de laranxa. Os días escollidos van desde o venres cinco ao xoves 11 de febreiro.  os cursos convidados son 1º e 2º de bacharelato. Lembrade que o zume servirase unicamente durante o recreo e que cómpre entregar o correspondente bono.

A distribución vaise facer seguindo este calendario

  • Venres 5          1º C de bacharelato

  • Luns 8              1º B de bacharelato

  • Martes 9          2º A de bacharelato

  • Mércores 10    1º A de bacharelato

  • Xoves 11          2º B de bacharelato

 

 

 

Máis actividades extraescolares e complementarias.
[08.02.16-22.01.10]

A vicedirectora avisa das actividades extraescolares que os departamentos didácticos correspondentes están ultimando.

O de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Matemáticas, en colaboración con outros centro do Val Miñor, trae o espectáculo Matarratos Darwin para o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO e de 1º de bacharelato. A representación será no Auditorio Lois Tobío o vindeiro tres de febreiro.

Bioloxía e Xeoloxía fará a súa visita anual ao Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela. A actividades está deseñada para o alumnado de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencia da Terra e do Medio Ambiente de 2º de bacharelato e terá lugar o cinco de marzo.

Pola súa parte, tamén como todos os cursos, o departamento de Latín e mais o de Xeografía e Historia viaxarán co seu alumnado a Mérida a presenciar o Festival de Teatro Escolar de Mérida. A actividade precisa de dous días que serán o 22 e 23 de abril.         

 

Actividades feitas a pasada semana.
[10.13.28-19.01.10]

Continúan realizándose as Actividades extraescolares e complementarias recollidas no calendario.

O venres 15 de xaneiro cumpríronse outras dúas:

A Olimpíada Matemática organizada polo departamento de Matemáticas e máis a visita ao IFEVI por parte do departamento de Educación plástica e Visual.

Do 2009 rematado quedou feita a visita ao Parlamento galego e mais ao Valedor do Pobo organizadas polo departamento de Filosofía (14 de decembro).

 

 

Nova semana do zume de laranxa.
[10.12.50-19.01.10]

A ANPA As Gaiandas subvenciona unha nova Semana do zume de laranxa. Os días escollidos van desde o 25 ao 29 de xaneiro e os cursos convidados son 3º e 4º de ESO e o alumnado do PCPI.

A distribución vaise facer seguindo este calendario

  • Luns 25                  3º A

  • Martes 26              3º DIV  e  PCPI

  • Mércores 27          3º B

  • Xoves 28                4º B

  • Venres 29              4º A

 

 

Probas de acceso para os ciclos formativos de formación profesional
[08.03.19-18.01.10]

No DOG do venres pasado (15.01.10) a Consellaría de Educación publicou a Resolución do 11 de xaneiro de 2010, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan de xeito ordinario probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional en centros docentes sostidos con fondos públicos para o ano 2010.

Esta é a ligazón para acceder ao texto do DOG.

 

Actualización da sección de Lingua e literatura española.
[20.03.12-14.01.10]

Un descoido informático non permitiu até hoxe a actualización da sección da Lingua e literatura española. Dende o comezo do curso estaban preparadas as listaxes elaboradas polas profesoras do departamento e agora a disposición de todo o mundo.

Tamén quedaron actualizados os criterios de avaliación e os mínimos esixidos para aprobar as materias do departamento.

 


Blog Concello de Gondomar.
[21.03.36-13.01.10]

A profesora Elena Fernández e o seu grupo de TIC de 1º de bacharelato manteñen na Rede varios blogs. No que están agora traballando trata das parroquias do Concello de Gondomar.

Dende a páxina inicial podemos acceder aos blogs de cada unha das parroquias.

 

Ceibes no monte.
[21.02.24-13.01.10]

Os compañeiros do IES Terra de Turonio avisan da prorroga da súa apertura da exposición Ceibes no monte. A nova data é  ata o próximo martes día 19 de xaneiro. O lugar,  o Centro Neural, situado no Campo das Cercas de Gondomar.

O horario establecido é o seguinte:

  • De luns a venres: de 10:00 a 14 :00 e de 16 :00 a 20 :00

  • Sábados: de 11:00 a 14 :00

  • Domingos: de 11 :00 a 14 :00 e de 17 :00 a 20 :00

Na web Ceibesnomonte.com >> Exposición pódese descargar unha ficha para que o alumnado poida realizar durante a visita e tamén unha banda deseñada para pintar.

Para concertar as visitas chamar ao centro e preguntar por algunha persoa do equipo directivo: Teléfono 986384016