IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>arquivo>2008>maio

 

Consello Escolar

O xoves 29 de maio, o Consello Escolar do instituto celebrou dúas sesións extraordinarias. Nelas aprobáronse a sección bilingüe de Educación Física e a continuidade do centro no PLAMBE, o Plan de mellora de bibliotecas escolares.

 

Vorticella

Resulta que no departamento de Bioloxía e Xeoloxía teñen montado un parque zoolóxico con protozoos, animais unicelulares microscópicos. As estrelas da semana son as Vorticella, uns protozoos que teñen a forma dunha campá dada a volta. Están suxeitas ao sustrato por un pedúnculo contráctil, capaz de estirarse e contraerse cando a Vorticella se mosquea.

Para alimentarse teñen unha coroa de cilios rodeando a cavidade bucal. Os cilios xiran a unhas velocidades incríbles, arrastrando alimento cara a boca. Bótalle unha ollada a este vídeo gravado por Margarita Miramontes o luns 26 de maio. E se queres velas en directo dá unha volta polo laboratorio de Bioloxía en calquera recreo.

Vorticella

.MOV .AVI .MP4

Para os vídeos recomendamos que baixes o VLC Player.
É de balde e le calquera formato de vídeo.

 

Concerto no Lois Tobío

O grupo de 1º de bacharelato ofrecerá un concerto para os alumnos e alumnas do CRA Antía Cal de Gondomar (Colexio Rural Agrupado). A cita é o mércores 28 de maio, ás 11:10 no Auditorio Lois Tobío.

 

E máis novas de Música

O pasado martes 13 o grupo de 1º de bacharelato deu un concerto no Colexio Xosé Neira Vilas de Peitieiros. Ao acto asistiu a totalidade dos alumnos e alumnas do colexio.

E igual ca noutros centros a recepción ao grupo non puido ser mellor, catering incluído ;-)

 

Novas gravacións

Xa están dispoñíbeis as gravacións feitas en abril polos grupos de 3ºA, 3ºB e 4º de ESO e 1º e 2º de bacharelato. Todas pasaron polas mans e a técnica de René Muíños.

Polo momento podes acceder a elas desde as seguintes ligazóns e nuns días tamén desde o sitio do Departamento de Música.

Esta é a listaxe das novas gravacións:

1  Katana Blues  3ºA ESO
2  Tema 1- Pappo  2º bacharelato
3  The house of the rising sun (Folclore estadounidense)  2º bacharelato
4  Joao No Blues  3ºB ESO
5  Cantiga de Santa María (Alfonso X)  3ºB ESO
6  Si volvieran los dragones (J. Sabina-F. Páez)  1º bacharelato
7  Anónimo Branle (Anónimo Séc. XVI)  1º bacharelato
8  Fumar mata, o exército americano tamén  4º ESO
9  Lidia in furs  4º ESO

 

Xenia

Xa temos no centro  exemplares da revista Xenia, editada pola  Secretaría Xeral da Igualdade,  no marco da Unidade de Muller e Ciencia. Esta publicación, dirixida ao público preuniversitario, ten como obxectivo principal contribuír a mellorar a igualdade entre homes e mulleres, tanto no eido empresarial como no universitario, atendendo especialmente á situación da muller no medio científico.

A nova publicación estrutúrase en catro apartados: inxenia, mulleres na ciencia, na que se inclúe un artigo de opinión; xenialidades, vidas de ciencia, que recolle as vidas e traballos de mulleres científicas e investigadoras destacadas; conxenia, carreiras máis aló do xénero, que afonda na actualidade académica universitaria e na división de xénero que se produce nas distintas titulacións; e telexenia, investigadoras no estranxeiro, espazo que recolle casos de mulleres que desenvolven a súa actividade investigadora fóra das nosas fronteiras.

Ademais de actividades, coordinadas polo departamento de Orientación, que se desenvolverán nas titorías para reflexionar sobre  como os estereotipos de xénero inciden tanto en mozas como en mozos á hora de elixir unha carreira universitaria ou na opción de Formación Profesional,  podedes atopar exemplares da revista no punto de lectura e na biblioteca.

 



Na contraportada de cada exemplar de Xenia figura a seguinte pregunta:

Como se denomina o premio co que cada ano a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia recoñece a traxectoria dunha científica galega?

Participa e gaña un MP4 enviando a túa resposta a mullereciencia@xunta.es Premiaranse as 10 primeiras respostas correctas recibidas.

 

 17 de maio

Haberá que ir poñendo os motores en marcha para celebrar o Día das Letras de 2008. Este ano está dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985).

A Galipedia recolle unha breve biografía e dúas listaxes coas súa obras e premios. A Biblioteca Virtual galega dedícalle un espazo especial moi completo, con material gráfico, textos e arquivos multimedia. Outra páxina dedicada a Álvarez Blázquez é, como non, a da Real Academia Galega.

E velaí vai a inciativa máis orixinal polo momento. Lémola en Vieiros e ten que ver cunha nova campaña da cadea de supermercados GADIS, que vai repartir millóns de bolsas con textos e imaxe do autor.

No blog Son de poetas, unha antoloxía de poesía galega musicada, está colgado o Romance do pescador peleriño, con música de Suso Vaamonde. En YouTube podemos atopar algúns vídeos relacionados con Xosé María Álvarez Blázquez, por exemplo, o devandito Romance do pescador peleriño musicado por Vaamonde nunha versión Karaoke.

Por último podes consultar na Biblioteca en liña as obras de Xosé María Álvarez Blázquez que, a disposición de todos, están na nosa biblioteca.