IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>arquivo>2008>abril

 

Novas do departamento de Música

O sábado 19 rematou unha semana de intensa actividade no departamento de Música.

O luns 14, os cursos de Música de 3ºA, 3ºB, 4ºB-I e 4ºB-2 gravaron algúns dos seus últimos traballos na Aula- Estudo 1.0. Arestora, René Muíños (Mix Master) está dándolle ás gravacións  os retoques necesarios e, en breve, poderemos descargalas desde esta páxina.

O martes 15, o grupo de 1º de Bacharelato deu un concerto no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo. Din os cronistas que as atencións que o Álvaro Cunqueiro non puido ser mellor: asistencia entusiasta ao concerto, rosas para os músicos… Con moitas gañas de volver.

Finalmente, o sábado 19 o grupo Y frutas disecadas (Rebeca, voz; Estela, violín; Eloy, piano) gravou na Aula- Estudo 1.0 varias cancións. Aos mandos gravatorios René Muiños. Tamén, en poucos días, estarán a disposición de todo o mundo.

 

Estrea do Departamento de Inglés

O Departamento de Inglés acaba de estrear a súa sección no sitio web do instituto. Comezan informando da composición do departamento e do calendario e as instruccións para alumnos e alumnas coa materia pendente. Nos vindeiros días engadiran novos contidos.

Benvidos!

 

Últimas versións de programas de mantemento

Estas son as novas versións dos programas gratuítos que recomendamos para o mantemento da túa computadora contra as ameazas externas:


Spyware Doctor
Programa premiado por moitas publicación do sector. Detecta, elimina e bloquea toda clase de spyware.


SpyBot Search & Destroy
Detecta e elimina cese mil variedades de programas spyware.

Download CCleaner 2.03.532


CCleaner
Para facer limpeza nos discos da computadora: eliminación de arquivos temporais, historial de navegación, arquivo index.dat...


Windows Defender
Un programa de Microsoft que axuda a protexer o seu equipo das fiestras emerxentes e mais das amenazas  causadas por spyware e software non desexado.

Download AVG Free Edition 7.5.516


AVG Free Edition
Un bo antivirus, gratuíto, e con moitas posibilidades para protexer as nosas computadoras das infeccións víricas do inverno.

Download Ad-Aware 2007 7.0.2.5


AdAware
Eliminación de programas espía (spyware), publicidade...

 

Patacablog.com

Co gallo do Ano Internacional da Pataca as alumnas e alumnos de 3º de Diversificación curricular están deixando nun blog todos os seus traballos sobre o asunto. A actividade está dirixida por Chus Buitrago (Ámbito sociolingüístico) e Marta Moro (Departamento de orientación).

No blog podemos atopar as crónicas de Eulalio Pataca e as actividades nas que se van traballando, como unha sementeira de patacas, a visita á Escola Galega de Consumo, as charlas de INTI, de Anthony e Alex e moitas máis.

 

 

GasparGaspar en Baiona (07.04.08). Imaxe de CEMMA.

Desde hai catro meses un arroaz (Tursiops truncatus) está de visita polas costas galegas. Chámase Gaspar e até ten un blog de seu. Gaspar achegouse ao Val Miñor en varias ocasións. A última foi o pasado luns 7 de abril, día que elixiu para dar unha volta por Baiona.

Se tes a oportunidade de achegarte a el ten moi en conta o código de conduta e as recomendacións de CEMMA. Podes lelas aquí ou nestoutro enderezo.

 

Claustro para o martes 8 de abril

Para as 17:00 do martes 8 de abril está convocado o claustro de profesores e profesoras do centro.

Entre os asuntos a tratar destacan a proposta de calendario de fin de curso, a petición de aprobación da Sección Bilingüe e a presentación de candidatura á dirección. Neste punto, o profesor Dr. Roberto Vázquez Rozas presentará ao claustro o seu proxecto de dirección para os vindeiros cursos. O documento co texto completo do proxecto pode descargalo desde esta ligazón.

 

IES Auga da Laxe- Barcelona

Hoxe, mércores 2 de abril, saen para Barcelona un grupo de dezasete alumnos e alumnas do IES Auga da Laxe, acompañados por dous profesores e unha nai, que estarán nesta cidade do 2 ao 6 de abril para participar nunha serie de actividades dentro do proxecto educativo intercultural GALAUDA. O grupo de alumnos que viaxa a Barcelona asiste este curso ás clases de catalán que se imparten no instituto dúas horas á semana fóra do horario lectivo e participa desde hai varias semanas nun intercambio a través do correo electrónico con alumnado de dous centros de ensino cataláns (o IES Sant Just Desvern e o IES Vil.la Romana de La Garriga).

A visita a Barcelona inclúe recepcións oficiais na Universidade de Barcelona e no Ajuntament de Sant Just Desvern, visita guiada da cidade e actividades de carácter cultural e deportivo (Cosmocaixa, Liceu de Barcelona, asistencia a un partido da liga europea de baloncesto, a un espectáculo teatral e a un concerto da orquestra sinfónica de Catalunya), visita ao Centro Galego de Barcelona e encontros de confraternidade co alumnado dos dous institutos cataláns cos que os alumnos gondomareños manteñen o intercambio epistolar.

Este intercambio terá unha segunda fase no mes de maio. Oitenta alumnos e alumnas cataláns viaxarán a Galicia entre o 12 e o 18 de maio, en principio para visitar a zona sur, e aloxaranse en Panxón (Nigrán)O programa incluirá a visita a Santiago ou ás Illas Cíes, unha saída polos montes do Val Miñor e un encontro co alumnado do IES Auga da Laxe.

 GALAUDA é unha actividade  da Universidade de Barcelona a través dun convenio entre a Generalitat de Catalunya e a Xunta de Galicia. O noso centro é o único instituto galego que está a impartir clases de catalán no presente curso académico.

 

 

Safari

O navegador máis usado nos MAC, os ordenadores de Apple,  é Safari. Até agora só podía empregarse nos ordenadores da marca da mazá. Hai uns días que Apple xa ten unha versión definitiva para Windows XP e Windows Vista (a versión beta estaba dispoñíbel desde xuño de 2007).

O programa é moi rápido. Sen pretensións de proba científica,  as descargas  que fixemos co Safari deron mellores resultados có  FireFox  2.0.0.12 e có Internet Explorer 7.

A versión de Safari actual é a 3.1