IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>arquivo>2007>maio
 

Parón na actualización da páxinaParón na actualización da páxina

Estes días o servidor da consellaría está demasiado ocupado e impídenos a actualización regular do noso sitio na Rede. Ademais, os servizos informáticos da consellaría avisan dun corte que comezará mañá venres, un parón na actividade que aproveitarán para mellorar e optimizar o rendemento da súa rede.

Daquela, despedímonos até que todo estea arranxado.

 

Despedida do Club de lecturaPaula Carballeira no Club de lectura

Coa visita de Paula Carballeira rematou a actividade neste curso do Club de Lectura. O Libro do mes foi Smara e Paula Carballeira falou del, do pobo saharauí e das historias que aprendeu nos campamentos de refuxiados de Tinduf.

Na mesma sesión proxectouse Lalia, a curtametraxe de Silvia Munt, que axudou a situarse no espazo en que se suceden as historias de Smara.

Toda a información sobre esta sesión do Club de Lectura está en Bibliolaxe.

 

Concerto de 2º de bacharelatoConcerto de 2º de bacharelato

Este venres tócalles aos de 2º de bacharelato. O concerto destes compañeiros e comapñeiras será no Café Rañolas, contra ás 22:30, e a entrada é de balde. O día: venres 1 de xuño.

Na sección do Departamento de Música hai unha relación con todas as asctuacións das clases de Música, así como as gravacións en MP3 de moitos dos seus temas.

 

Selectividade

Parabéns a todos os compañeiros e compañeiras que aprobaron o bacharelato. Agora comeza a preparación dos exames de selectividade dos que neste sitio podedes atopar toda a información necesaria. Pola parte dos profesores e profesoras do instituto contades con todo o apoio que precisedes. Como mostra, velaquí quedan os exames de selectividade de Bioloxía da convocatoria de 2006, incluídos os criterios de avaliación e corrección. Na sección do departamento tamén están colgados os exames das convocatorias pasadas.


 

Concerto de 1º de bacharelatoConcerto de 1º de bacharelato

Despois de participar no Club de Lectura (18:00) este venres podemos asistir ao concerto dos compañeiros de 1º de bacharelato. Será no Café Rañolas, contra ás 22:30, e a entrada é de balde. Lembra, as dúas actividades este venres 25 de maio.


 

Nova sesión do Club de lectura este próximo venresSmara, de Paula Carballeira

A biblioteca do instituto vai celebrar o próximo venres, 25 de maio, ás 18:00h, unha sesión do seu club de lectura sobre a novela Smara, de Paula Carballeira, protagonizada por un neno que viaxa ao campamento de refuxiados saharauís de Smara, onde escoitará da avoa Ugago historias marabillosas que falan do deserto e das lendas e tradicións do seu pobo, os fillos da nube. A sesión, que contará coa presenza da autora, comezará co visionado da curtametraxe Lalia, de Silvia Munt, que fai un achegamento ao conflito saharauí a través dos ollos dunha nena.

O Club de lectura Auga da Laxe, que naceu o ano pasado e leva xa cinco convocatorias, ten como obxectivo favorecer a lectura reflexiva e a conversa arredor das obras propostas. Convidámosvos a achegarvos o venres ao instituto para participar nesta sesión ou a deixar a vosa opinión sobre a novela no club de lectura virtual do blog da biblioteca.


 

As cartas de DarwinCharles Darwin, epistoladicto.

Durante a súa vida, Charles Darwin mantivo correspondencia con máis de dúas mil persoas. Por suposto, os seus correspondentes eran persoas de toda condición, naturalistas, políticos, pensadores, homes e mulleres... O conxunto das cartas de Darwin dan unha clara idea do desenvolvemento da súa idea da Evolución, ademais de compoñer unha cadro da sociedade inglesa do século XIX.

Toda a correspondencia de Charles Darwin está colgada neste enderezo. Para os interesados nas ciencia son especialmente curiosas as cartas cruzadas co xeólogo Charles Lyell ou co naturalista Alfred Rusel Wallace.

 

María Mariño visita a nosa bibliotecaRocío Rodríguez Salgueiro-María Mariño

A biblioteca do instituto vaise converter os días 15 e 16 de maio no salón da casa de María Mariño para acoller cinco representacións do monólogo María Mariño, en primeira persoa, protagonizado por Rocío Rodríguez Salgueiro, quen se transformará na poeta á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. O monólogo, que fai un percorrido polos feitos máis destacados da vida e da obra de María Mariño, irá acompañado da lectura de varios poemas da autora. As representacións terán lugar na biblioteca co seguinte horario:

Martes, 15

  • 11,10h-12,00h: 1º BACH-A e 1º BACH-B

  • 12,30h-13,20h: 4º ESO-A, 4º ESO-B e 1º ESO-A 

  • 13,20h-14,10h: 2º ESO-A e 2º ESO-B 

Mércores, 16

  • 12,30h-13:20h: 1ºESO-B e 1ºESO-C 

  • 13:20h-14:10h: 3º ESO-A e 3º ESO-B


 

Concertos de bacharelato

Os compañeiros e compañeiras de bacharelato seguen coa xira de concertos. O último —o pasado xoves dez—, os de 1º foron ao  colexio de Covaterreña, Baiona. O próximo será no IES de Moaña, o vindeiro día vintecatro, e os concertistas os de 2º de bacharelato.

Abril e maio, letras para todo o anoAbril e maio, letras para todo o ano

Estes días pódense atopar nalgúns establecementos comerciais de Gondomar os materiais da campaña Abril e maio, letras para todo o ano, promovida pola biblioteca do instituto. Son uns expositores cunhas tarxetas dirixidas a todos os veciños e veciñas nas que os convidamos a ler un poema, ao tempo que reflexionamos sobre a importancia de que, máis alá do Día do Libro ou do Día das Letras Galegas, o hábito da lectura nos acompañe ao longo de todo o ano.

Os poemas que se ofrecen como un convite nas tarxetas pertencen a Olga Novo, Daniel Salgado, Antonio García Teijeiro, Lupe Gómez e María Mariño, autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O texto que acompaña os poemas é o seguinte: "Nestes meses a primavera chega tamén á literatura. Arredor do Día do Libro e do Día das Letras Galegas chégannos numerosas propostas de lecturas e novidades editoriais, un agromar de letras que desde a Biblioteca do IES Auga da Laxe esperamos que dure todo o ano, para que calquera día sexa bo para achegarse a un libro. Por iso vos convidamos a ler unha selección de poemas cos que queremos desexarvos feliz primavera e boas lecturas."


Natureza no instituto

Rematou a exposición de paneis da bolboreta monarca e os libros sobre bolboretas volveron á biblioteca.

Para as arboriñas do viveiro de 4º de Diversificación curricular chegou o tempo de ir á busca de acomodo. 

Dentro da Operación Carballo, as landras e sementes doutras árbores plantadas no outono pasado transformáronse en máis de cincuenta carballizas, dez castiñeiras, dezasete plantóns de camelia e cinco nogueiras.

Se alguén está interesado en levar para á casa algunha destas arboriñas debe falar co seu coidador ou coidadora (os nomes están apuntados nos envases). As que queden serán plantadas no instituto e nun terreo disposto pola Comunidade de montes de Gondomar.

 

E os gañadores foron...Carolina Guisande Piay e Hugo Rodríguez Castro. Imaxe de Antonio Álvarez.

Coas vacacións, a volta ao choio e a ponte polo medio, case esquecemos deixar constancia do resultado do Cuarto concurso de Teatro Inmediato celebrado o 23 de marzo. O certame foi convocado por Vichelocrego Teatro e os gañadores foron Carolina Guisande Piay e Hugo Rodríguez Castro.

No sitio na Arañeira de Vichelocrego Teatro podes ver imaxes de todos os participantes


Lingu@ de amorLingu@ de amor

Balbordo, o equipo de normalización lingüística do instituto, avisa da convocatoria do concurso Lingu@ de amor. Trátase dun concurso de mensaxes na Rede, declaracións de amor, no que poden participar todos os mozos e mozas entre 14 e 30 anos. As mensaxes non poderán exceder os 350 caracteres, incluídos os espazos.

As bases, premios e condicións están dispoñíbeis no sitio do Consello da Xuventude de Galicia.


 

Actualización dos departamentosActualización do departamento de Bioloxía e Xeoloxía

O departamento de Bioloxía e Xeoloxía abriu unha sección dedicada a recoller documentos relacionados co Cambio climático, en especial, os publicados polo IPCC, o grupo de expertos da ONU. Ademais, colgaron tres artigos fundamentais da historia da Bioloxía: o de Alexander Fleming de 1922 no que anunciaba o descubrimento da lisozima e os dous de Watson e Crick de 1953 co descubrimento da estrutura do ADN. Por último, engadiron outros documentos de interese, por exemplo, o manual da Interpol para a análise do ADN ou a entrevista publicada no xornal El País a Jeremy Jackson, o maior experto actual no estudo dos océanos.