IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>arquivo>2007>decembro

 

Vacacións!

Vacacións si, pero antes temos unha xornada chea de actividades para despedir ben o ano. E para o Nadal, para lembrarlles aos Reis Magos que os libros tamén existen, na sección da Biblioteca queda unha listaxe coas recomendacións de varios departamentos.

Boas vacacións!


 

Proxecto Laranxa

Imos rematar ben o ano  a base de zume de laranxa. E máis barato, grazas a que a ANPA As Gaiandas subvenciona os zumes de laranxa, para que cada un só custe 0,50€ (cincuenta céntimos ou medio euro ;-)

Cada alumno ou alumna poderá mercar bonos de 5 zumes ou de 10 zumes. Cando consuma os cinco ou os dez zumes participará no sorteo de tres premios. Para facelo deberá poñer o seu nome e curso na parte de atrás do bono e depositalo no buzón disposto na cafetería.

 


 

Novo sitio da ANPA As Gaiandas

A ANPA As Gaiandas vén de estrear novo deseño e novo enderezo do seu sitio na Arañeira. Na páxina da ANPA podemos atopar información sobre os novos proxectos (por exemplo, o Banco de libros para bacharelato) ou a composición da súa directiva e a maneira de poñermos en contacto cos seus membros. Ademais, esta nova versión inclúe un blog, unha utilidade de interese para fomentar a participación na asociación.


 

Cambios no Top Baixadas

Radio video sube até a segunda posición á caza do todopoderoso Íntegro Rañolas que ao comezo da segunda quincena de decembro chegaba ás 135 descargas. Así mesmo, La Bolsa pasa do quinto ao cuarto lugar.

1. Íntegro Rañolas do 08.06.07
2. Radio video
3. I am the walrus
4. La Bolsa
5. Sing for absolution

 

Cambio climático en Galicia

O SIAM (Sistema de Información Ambiental de Galicia) abriu unha nova sección sobre as investigacións realizadas no marco do proxecto Análise das Evidencias e Impactos do Cambio Climático en Galicia (CLIGAL).  O proxecto está promovido pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia e no que participan unha ampla comunidade de investigadores pertencentes a diferentes Centros e Organismos Públicos de Investigación.

Dentro deste ámbito, o instituto incorporouse á rede Meteoscolas para a recollida de datos meteorolóxicos de Gondomar. Por outra parte, tamén sumámonios ao Proxecto Ríos. Para calquera información adicional sobre estes dous proxectos diríxete aos profesores e profesoras do departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

 


 

 

Día dos dereitos das persoasOrixinal de Beatriz Núñez Martínez.

O pasado venres 30 de novembro comezou a conmemoración do Día mundial dos dereitos das persoas de 2007, con dúas exposicións de materiais elaborados polo alumnado de 1º e 2º de ESO. Pasada a ponte, poñémonos no mesmo día dez con máis actos.

Así, ás 12:30, haberá unha charla de Amnistía Internacional para 4º de ESO. Contra o 10 de decembro, ás 13:10,  Ignacio Pérez Méndez, autor do libro Xente de fusil, xente de libros e profesor do IES Terra de Turonio, charlará cos alumnos de 1º de bacharelato sobre a situación do Pobo Saharauí.  O mesmo día, contra as 17:00, o Cooperante Carlos Sánchez Prado falará da situación do Pobo Palestino. Máis tarde, contra as 20:30, o mesmo Carlos Sánchez Prado disertará sobre a pobreza en Guatemala.

Do resto de actos iremos avisando puntualmente. Non obstante, podes descargar o calendario completo premendo aquí.

 


 

Cartas de amor

Cartas de amor, de Fran Alonso, é o libro proposto para a nosa sesión trimestral de club de lectura. Convidámosvos a ler este feixe de relatos que vos han de levar de viaxe a diferentes espazos xeográficos e a diferentes realidades sociais e persoais a través de mulleres valentes que se enfrontan a situacións difíciles: a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración…

O día 19 de decembro, ás 18:00h, a nosa biblioteca acollerá unha sesión na que, coa presenza do autor, poderemos charlar sobre os relatos que compoñen este libro. Tamén nos podedes deixar aquí as vosas opinións e impresións.