IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>arquivo>2006>maio

 

Novidades do calendario escolar para o vindeiro curso

O calendario do curso 2006-2007 presenta algunhas novidades respecto aos anteriores. Unha delas é a consideración dos días de setembro nos que se fan os exames extraordinarios como días lectivos. Estes serán o un, catro, cinco e seis.

As clases comezarán o día vinte de setembro e rematarán o día 22 de xuño de 2007. O día sete de decembro celebrarase o Día do Ensino e será festivo.

 

 

Resultados da fase final de Ligamats

Ligamats é unha liga entre equipos de centros que teñen que resolver problemas, xogos e actividades relacionadas cos talleres da exposición da II Segunda Semana Matemática Caixanova.

Nesta edición participaron tres equipos do instituto de 2º, 3º e 4 º de ESO. O equipo de 3º de ESO integrado por Marta Parada Antón, Manuel Martínez Ageitos, Martiño Pereira e Alberto Suárez Ferreira quedou en terceiro lugar na categoría C, para alumnos de 3º e 4º de ESO. O equipo de 2º de ESO, Guadalupe Gala Patiño Rosa, Ramón Blanco González, Ramiro Iglesias Piñeyro e Marta Álvarez Torres logrou o cuarto posto na categoría B, para alumnos de 1º e 2. de ESO. 

Parabéns a todos e a todas!

Departamento de Matemáticas

 

Biodiversidade, ©Carlos Cifuentes.Día  Mundial da Biodiversidade

Hoxe vintedous de maio é o Día Mundial da Biodiversidade, a riqueza biolóxica do planeta, que levamos xa un tempo estragando a un ritmo de tres especies por hora.

Para coñecer máis sobre os problemas ambientais e sobre a Diversidade biolóxica propoñemos a lectura de dous libros da nosa biblioteca:

  • La Tierra herida de Miguel Delibes e Miguel Delibes de Castro, Ed. Destino,  número 8810

  •   La naturaleza en peligro de Miguel Delibes de Castro, Ed. Temas de Hoy, número 8345. Ed. Destino, números 8872, 8873, 9160, 9161 e 9162.

Tamén, na sección do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía colgamos unha escolma de documentos relacionados (Protocolo de Kioto, Protocolo de Montreal...).

 

Dezasete de maio

Unhas cantas boas noticias arredor do Día das Letras de 2006. A primeira é a publicación de Praza da Letras da Consellaría de Cultura para a promoción do libro e a lectura.

A segunda é que, ademais dos xornais electrónicos de información xeral que se publican en galego, La Voz de Galicia vén de anunciar que a súa edición dixital estará dispoñíbel desde hoxe na nosa lingua. Este é o enderezo.

Seguindo cos medios de comunicación, desde hai uns meses Vieiros (que por certo celebra o seu décimo aniversario) ofrece a posibilidade de ler un feixe de xornais en galego. Trátase dunha tradución automática das edicións orixinais en español. Parabéns ao decano dos medios de comunicación electrónicos en galego.

Tamén as nosas felicitacións a Galicia Hoxe, herdeiro d’O Correo Galego, e o único xornal publicado integramente en galego. Hoxe, 17 de maio, cumpren tres anos.

Por último, como o 17 de maio é tamén o Día de Internet é obrigatorio felicitarmos pola marcha do noso sito na Rede. Cando remate esta semana o número de entradas por esta, a porta principal, chegará ás 15.000. Nos dezaoito meses, o ano e medio que levamos na Arañeira, as consultas ás nosas páxinas superaron con moito as 150.000.

 

 

Club de lectura: Erros e tánatos, de Gonzalo Navaza

Imos aproveitar o novo espazo Bibliolaxe para convidarvos a participar na segunda sesión do noso club de lectura o 24 de maio, ás 20,00h na biblioteca do instituto. Igual que fixemos xa a finais de marzo con Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz, ímonos xuntar de novo para falar de Erros e tánatos, un volume de relatos de Gonzalo Navaza publicado no ano 1996. 

Tamén desta vez imos ter a oportunidade de contar coa presenza do autor. Anímate a celebrar esta Semana das Letras Galegas lendo Erros e tánatos e achégate o día 24 á nosa biblioteca para compartirmos conversa. 

Se xa o liches, convidámoste a que vaias deixando en Bibliolaxe os teus comentarios sobre o libro.

 

Nace Bibliolaxe

Desde a biblioteca do instituto queremos celebrar a Semana das Letras Galegas poñendo ao voso dispor un novo espazo para compartirmos as nosas lecturas: o blog Bibliolaxe

Queremos que sexa un lugar de encontro para dar conta das novidades que entran na biblioteca, para recomendar libros, para comentar, para opinar, suxerir, preguntar ou informar sobre todo o que teña que ver co mundo do libro e a lectura.

 

Letras Galegas 2006

Manuel Lugrís FreireNeste ano 2006 dedícaselle o Día das Letras Galegas a Manuel Lugrís Freire, un dos intelectuais máis comprometidos coa recuperación da nosa lingua e da nosa identidade a finais do século XIX e nas primeiras décadas do XX. Foi, entre outras cousas, presidente da Real Academia Galega, entidade que neste ano 2006 cumpre cen anos de vida.

Na sección da biblioteca podes atopar  unha listaxe completa de todos os autores aos que se lle dedicou o Día das Letras Galegas así como unha relación de obras súas ou sobre eles que temos ao voso dispor na biblioteca do instituto.

 

 

 

Imaxe de Google MapsVídeo da viaxe a París

Cunha escolma das fotografías tiradas na viaxe a París fixemos un pequeno vídeo en formato wmv que se pode reproducir co Reprodutor de Windows Media.

O vídeo non ten son, dura 5’12” e pesa 12,5 MB.

Viaxe a París

 

Claustro para o xoves catro de maio

Está convocada unha xuntanza do claustro para o vindeiro xoves catro de maio, ás 17:00.

Entre os puntos da orde do día destacan os acordos a tomar sobre cuestións organizativas para o curso 2006-2007, a organización de actividades extraescolares e a proposta da calendario de fin de curso.