IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>arquivo>2006>decembro

 

Un Nadal de libros, 2006Vacacións! 

Comezan as vacacións de Nadal pero antes despediremos o ano como é debido: fútbol (The revenge), karaoke,  películas, concurso de caligramas, campeonato de pimpón, o concerto de Punk de millo... todo durante a mañá de venres 22. Como é lóxico remataremos a xornada acudindo ás oficinas bancarias a cobrar O Gordo da lotería de Nadal ;-) 

Cos cartos no peto podemos, seica, mercar algúns agasallos máis, por exemplo, libros. Por iso, desde a biblioteca do centro editouse a guía Un Nadal de libros, as propostas de lectura dos departamentos. 

Que pasemos unhas felices vacacións!

Un Nadal de libros

 

Renovada a sección dos Programas de Garantía Social

Benxamín Rocha, titor dos Programas de Garantía Social, renovou totalmente a súa sección. Desde agora está dispoñíbel toda a información sobre as modalidades impartidas polo centro, os destinatarios, formacións de grupos, certificacións etc., completada cos Programas de Iniciación Profesional.

Programas de Garantía Social

 

Resumo das actividades da semana do 11 ao 15

Os regueifeiros Pinto d’Herbón e Luís Caruncho.A semana do 11 ao 15 de decembro estivo chea de actividades de todo tipo. Comezou o luns pola mañá, coa presenza dos regueifeiros Pinto d’Herbón e Luís Caruncho. O mesmo luns pola tarde visitounos o biólogo Daniel Soutullo e deu unha conferencia sobre a clonación e as células nai.

Pola noite e en Santiago de Compostela, Vichelocrego Teatro representou A ópera do emprendedor no Teatro Principal, dentro do Festival de teatro Agustín Magán.

 

María Reimóndez convidada polo Club de Lectura.O martes pola mañá, os compañeiros de 2º de ESO visitaron a Casa das Palabras, a praia de Samil, e mais a Xunqueira do río Lagares, unha actividade organizada polos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía, Educación Física, Lingua Galega e Lingua Española. Co serán chegaba María Reimóndez, convidada polo Club de Lectura, para falar de Usha, o noso libro do mes, e da súa ONG Implicad@s no desenvolvemento, que traballa en proxectos de cooperación en India e en Etiopía.

 

Exposición dos carteis co texto dos Dereitos Humanos.O mércores, outro grupo de compañeiros desprazouse a Santiago de Compostela para visitar o Parlamento de Galicia, unha actividade organizada polo departamento de Filosofía.

Finalmente, durante toda a semana proxectouse a secuencia de imaxes sobre os Dereitos humanos e mantívose a exposición dos carteis co texto de cada un dos dereitos. A actividade estivo organizada polo departamento de Relixión.

 


 

María Reimóndez no institutoMaría Reimóndez no instituto

Hoxe, martes 12, contra as 18:00 visitará o instituto a escritora María Reimóndez, autora de Usha, o actual Libro do mes. Coa súa presenza na Biblioteca do centro rematarán as actividades con Usha como Libro do mes. 

María Reimóndez, galega de Lugo, é tradutora e intérprete de profesión. En 1994 foi traballar á India, máis en concreto a Karnataka, en proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Contra 1998 fundou a ONG Implicad@s no desenvolvemento, da que é presidenta, para continuar e ampliar ese labor. Na actualidade esta ONG desenvolve proxectos de cooperación na India e en Etiopía.

Libro do mes


 

Día dos dereitos das persoasDía dos dereitos das persoas

Esta semana conmemoramos o Día da Declaración Universal dos Dereitos das Persoas. Máis de duascentas das persoas que compartimos o día a día do instituto posamos para a cámara co texto dun dos dereitos por nós escollido.

A secuencia de imaxes podemos vela baixo o arco, á entrada do Salón de actos.

 


 

Conferencia de Daniel SoutulloConferencia de Daniel Soutullo

Convidado polo departamento de Bioloxía e Xeoloxía, o biólogo e experto en Bioética Daniel Soutullo vai visitar o noso centro o luns 11 de decembro para pronunciar unha conferencia sobre a Clonación e as células nai

Daniel Soutullo é un recoñecido especialista nas implicacións sociais da bioloxía e en bioética, conferenciante nas máis prestixiosas universidades galegas e españolas e autor dunha ducia de libros sobre o tema, ademais de moitos artigos e ensaios publicados en revistas especializadas.

Díptico da conferencia de Daniel Soutullo


 

Constitución do novo Consello Escolar

O luns 4 de decembro quedou constituído o novo Consello Escolar do instituto, o saído das eleccións parciais celebradas na última semana. Podes coñecer aos seus membros premendo aquí para entrar na sección do Consello Escolar.

 

Rochas de GaliciaGranito de dúas micas. A imaxe orixinal está colgada nas páxinas de Rochas de Galicia.

No sitio Rochas de Galicia existen dous apartados dedicados á Serra do Galiñeiro e outro á zona que en Xeoloxía se coñece como Complexo Monteferro-O Rosal.

No primeiro dos apartados da Serra do Galiñeiro descríbense as rochas máis importantes. No segundo publícanse microfotografías de minerais pouco correntes atopados nesas mesmas rochas.

Na sección do Complexo Monteferro-O Rosal están colgadas unhas fermosas imaxes das andalucitas e xistos característicos desta zona.

 

Imaxe do Meteosat, ás 6:00:00 do 30.11.2006O tempo para a fin de semana

Chega o xoves e comeza a chuvia de preguntas sobre como vai estar o tempo a fin de semana. Velaquí dúas ligazóns para facermos unha idea. A primeira é a Meteogalicia, o servizo da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; a segunda é ao famoso sitio checo Windguru, na súa páxina de Vigo. Un adianto: ambas as dúas prometen vento e chuvia desde o venres e até o mércores (festivo) da vindeira semana. Os peores días: venres 1 de decembro, sábado 2 e martes 5.

A nosa recomendación: paraugas, impermeábel e pasar pola biblioteca a buscar un bo libro.