IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>arquivo>2006>abril

 

Primeiro simulacro de evacuación

Seguindo o Plan de autoprotección do centro, o xoves 27 de abril fixemos o primeiro simulacro de evacuación. A saída estivo moi ben organizada pero fomos bastante lentos: tardamos en saír tres minutos e trinta segundos.

Temos colgado un vídeo no que seguimos a evacuación de 3º de Diversificación —dirixida por Juan Figueiras— e a súa volta á aula.

Simulacro de evacuación

 

Volve o cine ao instituto

Rowan Atkinson en Catro vodas e un funeralSerá este venres, 28 de abril,  contra as 17 horas, ás cinco da tarde

O filme: Catro vodas e un funeral, dirixida en 1993 por Mike Newell e con Hugh Grant, Andie Macdowell  e Kristin Scott Thomas nos principais papeis, iso co permiso de Rowan Atkinson (Mr. Bean).

Catro vodas e un funeral estivo nominada aos Óscar en dúas categorías: mellor película e mellor guión orixinal.

 

Plan de autoprotección

Plan de autoprotecciónNa sección de documentos xa está gardado o Plan de autoprotección do instituto, un traballo de moitos meses feito por Cristina Abalde e José Ramón Miguélez, co apoio de José Antonio Martínez Cartelle e mais a colaboración de alumnos e profesores.

O Plan de autoprotección é o documento no que se analiza e estuda a organización de todos os medios e persoas do centro para previr riscos. Serve, tamén, para afrontar unha evacuación no caso de presentarse unha situación de emerxencia.

Plan de autoprotección

 

 

Día do LibroSergio Pitol. Premio Cervantes, 2005

Este ano o Día do Libro, o día 23 de abril, cae en domingo. Así a todo non imos deixar pasar a data e propoñemos algúns enderezos de interese.

O primeiro está no noso sitio da biblioteca e está dedicado a todos os Premio Cervantes outorgados desde  a súa creación en 1976. Tamén recomendamos este enderezo do xornal El País, versión electrónica. Desde esa páxina podemos mandarlle a nosas preguntas a Sergio Pitol, Premio Cervantes de 2005.

Na canle de televisión CNN+ está dispoñíbel o vídeo no que  Sergio Pitol recibe o Cervantes.

Por último, no sitio da Escuela de Escritores publicaron a listaxe das palabras máis votadas como a palabra máis bonita do castelán.

 

Imaxes das Xornadas Interculturais

Remataron as vacacións de primavera e volvemos ao choio. Para sembrar as actividades da última semana antes do prezado tempo de folganza colgamos no noso sitio cinco clips de vídeo con todas (todiñas) as imaxes tiradas por tres cámaras.

Como din as estatísticas que o programa máis empregado para ver arquivos de vídeo é o Reprodutor de Windows Media, os clips fixéronse co formato wmv. Contribuímos, logo, ao peche do círculo: facémolo así porque é o que máis se ve; vémolo así porque é o que máis se fai.

Velaí vai a relación de vídeos:

 

Iago Bea, oitavo posto na fase final da Olimpíada de Física

Iago Bea Besada alcanzou o oitavo posto na fase final da XVII Olimpíada de Física celebrada en Teruel entre o 30 de marzo e o 2 de abril. Iago participou con outros 128 novos físicos e físicas.

Segundo as normas das probas, por mor do seu posto, Iago participará en setembro, en Coimbra, na XI Olimpíada Iberoamericana.

 

 

I Xornadas Interculturais 

República Oriental do UruguaiDo 3 ao 7 de abril celebraremos as I Xornadas Interculturais cunha ampla programación que inclúe talleres didácticos sobre danzas, música, xogos, linguas, xeografía, etc. de distintas partes do mundo, así como proxeccións de películas nas que se trata o tema da interculturalidade e mesas redondas nas que participarán alumnos e pais e nais que viviron directamente experiencias relacionadas coa emigración.

O foco especial de interese nestas xornadas vai a República Oriental do Uruguai, por ser este o país de orixe dunha importante cantidade de alumnos do noso Centro: haberá unha exposición interdisciplinar sobre Uruguai (libros DVDs, murais, moedas, etc.) e unha demostración de baile folclórico deste país, actividades para as que se conta coa colaboración da asociación Uruguayos para el mundo.

I Xornadas Interculturais

Ligazóns relacionadas co Uruguai