IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

 >ies>arquivo>2005>outubro
 

Celebramos o Día internacional da biblioteca escolar

Celebramos o Día internacional da biblioteca escolarO 24 de outubro celébrase o Día internacional da biblioteca escolar. No noso instituto queremos aproveitar esta data para botar a andar a campaña Saber abre camiños e eses camiños pasan pola biblioteca, destinada a conseguir un maior aproveitamento dos materiais da biblioteca nas nosas actividades académicas e un maior achegamento do profesorado e do alumnado a este espazo de lectura, información e aprendizaxe.

Publicouse recentemente un informe sobre a situación das bibliotecas escolares en España que debuxa un panorama desalentador sobre o seu funcionamento e aproveitamento, algo que nos ten que facer reflexionar e, sobre todo, ten que levarnos a intensificar esforzos para mudar esa situación. No noso instituto imos desenvolver ao longo do presente curso un proxecto de actividades que foi seleccionado dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación e para o que recibimos unha axuda económica de 7.000 euros.

O 24 de outubro póñense en marcha as primeiras actividades deste proxecto:

1. Renovación da rotulación interna da biblioteca de maneira que se asocien as distintas seccións con cores para que sexa máis doada a localización de materiais.

2. Campaña externa en aulas e espazos comúns para fomentar o uso da biblioteca e familiarizar o alumnado e profesorado con esa nova rotulación.

3. Visitas organizadas do alumnado dos distintos cursos á biblioteca para participar nunha sesión teórica e outra práctica sobre a organización e funcionamento da nosa biblioteca.

4. Creación dunha mediateca asociada á biblioteca que programe a proxección de películas de libre acceso para o alumnado. Comezamos o luns, 24 de outubro, ás 19:00h., no salón de actos, con Abre los ojos de Alejandro Amenábar.

Ademais, nos próximos días faremos públicas as bases da convocatoria dun concurso de creación dun logotipo para a biblioteca.

 

 

Número 30 de Liber

Xa está feito o número trinta de Liber, o boletín da biblioteca do instituto. Conta coas seccións habituais: Chámame polo nome, Xogo de busca... 

Ademais, vén cunha nota dedicada á palabra guai e outra sobre o espazo da biblioteca aquí, no sitio na Arañeira do noso instituto.

Podes ler Liber na súa edición en papel (de balde, por suposto) ou nunha versión en formato PDF (esta é gratis ;-)

Liber, número 30

 

 

Horario de titorías para o presente curso

Xa está actualizado o horario de titorías para o curso 2005-2006. Recordámoslle aos pais e nais interesados en falar cos titores dos seus fillos que é conveniente solicitar unha cita previamente, ben a través dos seus propios fillos ou fillas, ben chamando ao teléfono 986 360 501.

Titorías

 

Normas da biblioteca

Xa están actualizadas as normas do uso da biblioteca:  os apartados do Documento de Organización do Instituto e os específicos do préstamo e entrada de libros.

Biblioteca
 

Actividades extraescolares para o curso 2005-2006

O vicedirector xa fixo público o calendario de actividades para presente curso. Coma sempre todas as actividades propostas contan coa aprobación do Consello Escolar.

As actividades están ordenadas nunha táboa na que se indica o tipo, o departamento, os cursos e as datas nas que se realizarán.

Actividades extraescolares

 

Acordos do Consello Escolar

O Consello Escolar do instituto xuntouse o pasado xoves día seis. Entre outros acordos, aprobáronse as actas anteriores, autorizouse a baixa de material inventariábel (cadeiras irrecuperábeis polo seu mal estado) e aprobáronse as actividades extra escolares para o curso 2005-2006.

Así mesmo, a xunta directiva informou de diferentes aspectos relacionados co comezo do curso: composición e número de grupos, das novas optativas de bacharelato, da ampliación da oferta nos programas de Garantía Social, dos resultados das probas extraordinarias de setembro e mais do resultado da probas de selectividade de xuño e setembro, do calendario escolar e das datas de avaliación.

Tamén informouse ao consello sobre os traballos da comisión de seguimento do libros de texto gratuítos e do plan de actuación na biblioteca. Por último, acordouse que o Consello Escolar do instituto apoiará e solicitará á delegación de educación a ampliación do noso centro e falouse da incorporación dos novos representantes dos alumnos.

Consello Escolar

 

E chegou a eclipse ao Auga da Laxe

E chegou a eclipse ao Auga da LaxeSen novidade no ceo: ningunha nube e condicións perfectas de observación. As gafas especiais encargadas pola dirección, as que trouxeron os profesores e as que levaron os alumnos cumpriron á perfección a súa función e puidemos observar a eclipse anular.

Arredor dos observadores todos vixiaban a todos para que cumprir coas normas e que ninguén sufrise danos. De súpeto baixón da temperatura e un lusquefusque ás once da mañá.

No salón de actos un ordenador recibía imaxes da Rede e cun canón proxectábaas contra unha parede branca.

Todo perfecto.

Imaxes da eclipse desde o Auga da Laxe
 

Máis da eclipse

Está  confirmado: estado óptimo do ceo para observar a eclipse. A dirección do centro mercou todas as gafas especiais para ver a eclipse que puido. Para os que non queiran mirar para o Sol conectaremos os ordenadoras á Arañeira, aos de diferentes asociacións astronómicas que cos seus telescopios e cámaras web retransmitirán a eclipse. No salón de actos faremos a proxección cun portátil conectado sen fíos á Rede e un canón proxector.

Tamén redactamos unha serie de normas para observar a eclipse e recomendamos conectarse ao sitio da Agrupación Astronómica Coruñesa Io.