IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

 >ies>arquivo>2005>novembro

 

Que fale o teu corpo

O xornal educativo da Consellaría de Educación, o Diario da escola,  ten colgado no seu sitio a crónica sobre o Que fale o teu corpo deste ano 2005. Para ler a crónica publicada no Xornal Educativo preme aquí

Na sección O curruncho literario do número anterior publicaban A extinción da raza humana, un relato do compañeiro Guillermo Rodríguez Alonso.

 

 

Axudas do Fondo Social

O DOG do 22 de novembro publicou o texto do acordo para a repartición do Fondo de Acción Social para persoal da Xunta. Preme aquí para ler o texto do acordo do DOG ou aquí para baixar os modelos de solicitude.

 

 

Tradutor da Universidade de Vigo

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo vén de colgar no seu sitio a primeiras probas dun novo tradutor galego-castelán e castelán-galego. Chámase Apertium, é de balde e furrula. Para as traducións apóiase nun dicionario de oito mil cincocentas palabras.

Presenta unha opción de tradución directa de textos (escribíndoos ou pegándoos), outra de tradución de arquivos e  mesmo unha terceira de navegación coas páxinas web traducidas (cómpre indicarlle a URL do sitio que queremos traducir).

Apertium na Universidade de Vigo

 

 

Novidades e actualizacións

O departamento de Música vén de actualizar a súa sección incluíndo as concertos previstos para as próximas semanas. 

Tamén está posto ao día o sitio da biblioteca e mais o dos programas de garantía social.

 

 

Calendario e horario da primeira avaliación

Xa temos as datas e as horas das xuntanzas de profesores para a primeira avaliación. En resumo, o martes vintenove de novembro tócalle a 1º e 2º de ESO, o mércores trinta aos 3º e 4º e, por último, o xoves un de decembro aos cursos e grupos de bacharelato.

O calendario e horario completo está dispoñíbel premendo aquí.

Calendarios

 

 

Primeiro aniversario

As nosas páxinas na Arañeira cumpren o seu primeiro aniversario. Nestes 365 días entraron pola porta principal 7078 persoas. A maioría das visitas veñen de España. Logo están as de Estados Unidos, Portugal, México, Perú, Francia, Australia, Brasil, Arxentina, Canadá...

Co primeiro ano na Rede hai unha novidade importante: o cambio de enderezo. Desde hoxe será http://www.augadalaxe.com

Grazas polo teu apoio e colaboración no mantemento do noso sitio na Rede.

 

 

Novidades dos departamentos

Continúa a incorporación de máis departamentos. Esta vez tócalle ao de Física e Química. Ademais, o de Lingua e literatura española engade máis contidos á súa sección, todo o relacionado coas materias pendentes e os contidos e mínimos da materia Literatura universal contemporánea.

 

 

Cinema Paradiso. Luns 14 de novembro ás 18:45.Ven ao cine

Seguindo co programa de proxección de películas velaí vai a terceira: Cinema Paradiso. O filme levou o Óscar á “mellor película estranxeira” de 1989, ademais do Premio Especial do Xurado do Festival de Cannes e o Globo de Ouro outorgado pola prensa estranxeira acreditada en Hollywood.

Unha película excepcional cunha banda sonora, de Ennio Morricone, inmellorábel.

A cita é o luns 14 de novembro ás 18:45 e a entrada é gratuíta.

 

 

Convocatoria de claustroConvocatoria de claustro

Para o xoves 10 de novembro de 2005, ás 17:00, está convocado o claustro de profesores. 

Trataranse asuntos referidos á aplicación da lexislación vixente: saída dos alumnos menores de idade do centro e prohibición de fumar nos centros de traballo.

Ademais, máis tarde, contra as 20:00, reuniranse os pais e nais dos alumnos de bacharelato menores de idade cos membros da xunta directiva.

 

Novidades dos departamentosNovidades dos departamentos

Temos moitas novidades nas seccións dos departamentos. Para comezar fan a súa estrea o departamento de Economía e o departamento de Francés.

Nas páxina do departamento de economía atoparemos información das materias de seu e unha relación de enlaces a sitios de interese da Arañeira.

Nas correspondentes ao departamento de francés está colgada a programación do curso e mais as lecturas recomendadas para as vacacións, tempo de lecer e durante o propio curso. Aproveitamos esta estrea do departamento de Francés para desexarlle á profesora Inma unha boa viaxe e boa estancia en Francia, xa que participa nun intercambio cunha profesora de Nantes, na rexión do Loira.

Por outra parte, no departamento de bioloxía a profesora Julia Juste fixo unha recompilación dos exames de selectividade dos anos 1998-2005. Os exames xunto cos criterios de avaliación están a disposición de todo o mundo. Tamén escolleu unha serie de libros da nosa biblioteca, lecturas recomendadas para 2º de bacharelato.

O departamento de orientación ten nova información sobre as notas de corte para os estudos das tres universidades galegas. No seu sitio tamén están dispoñíbeis as notas de corte para os ciclos superiores da provincia de Pontevedra.

 

 

Reunión cos pais e nais de primeiro e segundo de ESO

Reunión cos pais e nais de primeiro e segundo de ESOO pasado mércores dous de novembro reuníronse os pais e nais dos alumnos de 1º e 2º da ESO cos seus titores, a orientadora e a mais a directora.

Logo dos saúdos e da benvida ao centro explicáronse as normas xerais de funcionamento do centro, en especial, o funcionamento do sistema de aviso ás casas das faltas de asistencia. Aos pais e nais dos alumnos pedíuselles que foran eles os que avisarán ao instituto cando os fillos vaian faltar: é un modo de  facilitar a revisión diaria de asistencias.

Tamén solicitóuselles interese e respecto polo traballo que se fai no instituto, o único camiño para que os estudantes sintan ese mesmo interese polo estudo.

Informóuselles de que a primeira avaliación será o trinta de novembro e que, polo tanto,  novembro é un mes de traballo forte porque haberá probas e exames. No mes de decembro baixará a intensidade académica, aproveitándoo para facer actividades extraescolares. Infórmase así mesmo de que o día dous de decembro entregaranse as cualificacións da primeira avaliación.

Sobre as actividades extraescolares, pídeselles aos pais que non deixen ao albedrío dos rapaces a asistencia a elas. Explícase que son difíciles de organizar, caras e que entrañan un sobre traballo para os profesores; aínda así, considéranse moi importantes para completar a formación. Consecuentemente con iso, é necesario que os pais as entendan coa seriedade precisa.

Infórmase da conveniencia de que consulten a nosa páxina web como vía de comunicación co Centro.

Dáse información sobre o novo grupo de biblioteca e o traballo que se está a facer, anúnciase que a biblioteca está aberta os mércores pola tarde, a disposición dos pais e alumnos.

A orientadora explicou as liñas do seu traballo. Ademais, sinalou que, previa cita, está a disposición dos pais e dos alumnos para as consultas que lle queiran facer.