IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

 >ies>arquivo>2005>decembro

 

Os vencedoresResumo das actividades do decembro pasado

Velaí van unhas cantas galerías de imaxes dalgunhas das actividades do pasado decembro. 

Trátase da entrega do premio Lingualaxe, da visita de Agustín Fernández Paz e a súa charla na biblioteca do instituto, as probas de atletismo feitas nas pistas de Balaídos e as actividades do día 22 (Maratón das bólas, os concertos e mais a malleira ao equipo dos profesores).

 

 

Un Nadal de libros...Un Nadal de libros...

Comezan as vacacións de Nadal e con elas han vir seguramente algúns agasallos. Non esquezades incuír libros: é un bo momento para compartir cos demais esas lecturas que vos gustan e queredes recomendar. 

Desde a biblioteca propoñémosvos algúns libros para este Nadal. Que pasedes unhas felices, e lectoras, vacacións!

 

A nosa proposta de libros para este Nadal de 2005

 

 

Consello Escolar

O luns 19 de decembro celebrouse a derradeira xuntanza de 2005 do Consello Escolar. 

Tratáronse diversos asuntos desde a aprobación do Plan de protección até o seguimento das actividades extraescolares ou da Comisión de convivencia.

Un resumo do tratado está na sección do Consello Escolar.

 

 

Visita de  Agustín Fernández Paz

O martes 20 de decembro, ás 20:00, tivo lugar na biblioteca do noso centro unha conferencia do escritor Agustín Fernández Paz, que falou sobre a influencia da lectura na formación dos rapaces e a importancia das familias no apoio á creación de hábitos lectores. 

Esta charla-coloquio foi especialmente dirixida ás nais e pais do alumnado do instituto, aínda que estivo aberta a todas as persoas que desexaron asistir.

Máis información 

 

 

Visita de Ana Iglesias

Ana Iglesias, filóloga especialista en sociolingüística e sicolingüística, visitou o noso instituto (19.12.05) para impartir unha conferencia sobre a situación da lingua galega hoxe en Galicia destinada ao alumnado de 2º de bacharelato. 

Ana Iglesias Álvarez é licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa e, desde o inicio da súa actividade investigadora, centrouse no ámbito da socioloxía da linguaxe, en concreto na análise das actitudes e ideoloxías lingüísticas en situación de linguas en contacto. No ano 2002 publicou Falar galego: "no veo por que?", un estudo sobre o uso do galego e do castelán en Galicia feito desde a perspectiva dos propios falantes.

 

 

Logo do Proxecto LaranxaNovas no Proxecto Laranxa

O Proxecto Laranxa presenta dúas importantes novidades: a estrea do seu logo e mais a do seu novo enderezo electrónico, proxecto_laranxa@hotmail.com.

Lembremos que o obxectivo desta iniciativa é mellorar os nosos hábitos alimentarios, substituíndo as bebidas carbónicas por zume de laranxa.

 

 

Día da Declaración Universal dos Dereitos das Persoas

Día da Declaración Universal dos Dereitos das PersoasHoxe, dez de decembro, conmemoramos os Día da Declaración Universal dos Dereitos das Persoas.

No instituto levamos uns días de celebración con diferentes actos: exposicións, lectura dos artigos da Declaración e charlas de persoas moi implicadas na defensa dos nosos dereitos, entre elas a de Fernando Martínez Randulfe, presidente de EsCULcA, o observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades.

 

Declaración Universal dos Dereitos das Persoas

Galería de imaxes

 

 

O Pazo da Escola recibe o premio Lingualaxe

O Equipo de Normalización Lingüística Balbordo, do IES Auga da Laxe, acordou concederlle o premio Lingualaxe ao Pazo da Escola, establecemento de turismo rural situado en Mañufe, polo uso que fai do galego nas súas actividades. 

O acto de entrega deste galardón terá lugar o próximo venres, 9 de decembro, ás 22:30, no Café Rañolas, e contará, ademais, coa actuación do grupo de música dos alumnos e alumnas de 2º de bacharelato deste instituto, dirixidos polo profesor Sergio Álvarez.