IES Auga da Laxe. Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es
Campo da Feira s/n. Gondomar. Tfno.: 986 360 501 Fax.: 986 360 576. ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.es

>ies>arquivo>2005>abril


Premio Lingualaxe para Kerkus Xardinería

Premio Lingualaxe para Kerkus Xardinería.O Equipo de Normalización Lingüística Balbordo concedeulle o premio Lingualaxe a Kerkus Xardinería polo uso que fai do galego en todas as súas actividades (documentación, publicidade, contratos, sitio web, etc.), como recoñecemento pola súa contribución á recuperación social do uso da nosa lingua. 

O acto de entrega do galardón terá lugar o venres 29 de abril, ás 22:30, no Café Rañolas de Gondomar. Despois da entrega do premio actuará o grupo de música dos alumnos 2º de bacharelato, dirixidos polo profesor Sergio Álvarez, que interpretarán tanto música renacentista e barroca como folc galego ou rock.

Balbordo

 

 

Axuda para libros

IES Auga da Laxe.D. Fernando Rodríguez, xefe da área administrativa do centro, avísa que xa están na secretaría  os impresos para a solicitude de Axuda de Libros para os alumnos e alumnas que se matriculen na ESO no próximo curso.

A data para presentar as solictudes remata o 29 de abril. 

 

A documentación a presentar e a seguinte:

1. Impreso, que se recollerá no Centro.
2. Fotocopia dos D.N.I. dos membros da unidade familiar maiores de 14 anos
3. Certificación bancaria onde figure o nome do solicitante como titular ou co-titular da conta.
4. Xustificación de familia numerosa, se procede.
5. Xustificación se algún membro da unidade familiar ten minusvalía, se procede.
6. Xustificación de separación ou divorcio dos pais do solicitante, se procede.

Máis información na Secretaría

 


Estrea do departamento de Música

O departamento de Música estrea o seu sitio. 

Polo momento xa teñen información sobre a composición do departamento, o cursos que imparten e os concertos e a actividades que van desenvolver ate xuño.

Departamento de Música

 


Caderno de actividades d'El Quijote

Caderno de actividades d' El Quijote.O departamento de Lingua e Literatura española vén de colgar un caderno de actividades sobre El Quijote

Trátase dunha escolma de pasatempos, sopa de letras, preguntas curtas... arredor da obra de Cervantes.

O caderno pode baixarse en formato pdf.

 

Caderno de actividades El Quijote

 


Rallye matemático

Os compañeiros de 4ºA de ESO diante da Facultade de Matemáticas da USC.Os alumnos de 4ºA de ESO quedaron clasificados en segunda posición no Rallye Matemático Sen Fronteiras de Galicia. O xoves 14 de abril recolleron o seu premio na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago.


Os compañeiros conseguiron este segundo posto competindo con sesenta institutos do resto do país.

 

 

 

II Concurso de Teatro Inmediato

Vichelocrego Teatro e mais o noso instituto organizan o II Concurso de Teatro Inmediato, a celebrar o venres 15 de abril ás 21:00. O teatro inmediato é a representación de textos breves con tempo de preparación limitado. 

Os participantes, xa inscritos desde o pasado luns, poden recoller os textos no noso centro. Os concursantes deberán presentarse á organización entre as 19.00 e as 20.00 horas do venres.

A asistencia á representación custa tres euros.

 

Bases do II Concurso de Teatro Inmediato
 

Convocatoria de claustro

O vindeiro martes 19 de abril, ás 17:00, está convocado o claustro de profesores. Entre outros asuntos falarase do calendario fin de curso e a aprobación do Proxecto Educativo do Centro (PEC).

Pola súa parte, o equipo directivo informará aos compañeiros da súa actividade.

 

 

O que pasa na biblioteca

Ademais de abrir un espazo dedicado ao cuarto centenario da publicación do Quixote, tamén avisamos dos novos contidos na sección da biblioteca. Trátase dunha relación de libros sobre temas históricos, outra sobre o clásicos da literatura xuvenil, todos traducidos ao castelán e unha terceira sobre poesía española e hispanoamericana. Por suposto, todos os libros están na nosa biblioteca.

Tamén apuntamos o nacemento de O Cerne, unha sección que fai a súa estrea cunha escolma de poemas en castelán.
 

Estrea do departamento de Lingua e Literatura galega

O departamento de Lingua e Literatura galega estrea o seu sitio. Polo momento informan da composición do departamento e dos niveis nos que imparten clase cada un dos seus membros.

Tamén engaden ligazóns ás novidades da biblioteca en lingua e literatura galega e literatura xuvenil en galego.

 

 

Liber número 29Liber número 29

Xa está repartido o número 29 do boletín de biblioteca Liber. Neste ano de aniversarios cómpre apuntar que hai dez anos que Liber está entre nós.

O número 29 conta coas seccións habituais: Chámame polo nome, información sobre o Día das Letras, O xogo de busca e unha nova dedicada á orixe das palabras.

Liber pode baixarse en formato pdf desde a sección da biblioteca.

 

 

Febre de actividades e saídas

Nestas semanas programadas pola vicedirección para concentrar as actividades e saídas desde logo temos de todo e onde escoller. Vexamos:

  • O domingo tres  chegaron os de 4º de ESO da súa viaxe á neve, a Andorra. É doado recoñecelos: pel bronceada, agás na zona periocular, e algunha que outra venda e escaiola.
  • Os de bacharelato andan por Londres nunha viaxe organizada polo departamento de Inglés. Outro grupo marchou a Mérida e Sevilla nunha viaxe cultural organizada polos departamentos de Xeografía e Historia e de Latín.
  • No centro están a desenvolverse unhas xornada da nutrición e alimentación saudábel e prevención de consumos irracionais para os alumnos e alumnas de ESO.
  • O grupo de Música de segundo de bacharelato continúa cos seus recitais. Nesta ocasión visitaron aos veciños do IES Pro Val.

Actividades 2004-2005

 

Novidades no departamento de orientación

Os departamentos van ampliando as súas seccións engadindo novos contidos.

O departamento de orientación ofrece unha completa información de varios asuntos de interese: vías de acceso á universidade, notas de corte para o acceso aos ciclos superiores e estudos na Universidade de Vigo, centros para adultos...

Podes baixar en formato pdf ou ler na sección do departamento o documento que che interese.

Departamento de orientación

 

Anteproxecto da nova lei de educación

A ministra San Segundo presentou diante dos conselleiros de educación o que é o anteproxecto da Lei Orgánica de Educación (LOE). Ten varias novidades respecto ás outras catro leis de educación aprobadas desde 1985: a LODE (1985), LOXSE (1990), LOPEG (1995) e mais a LOCE (2002). 

A ministra explicoulles aos conselleiros de educación que na nova lei vai primar o reforzo da lectura, da escritura e das matemáticas. 

Os xornais dan conta dos resumos da súa exposición pero como non hai nada mellor que ler os propios documentos velaí vai a ligazón ao anteproxecto da lei nas páxinas do MEC

Tamén podes baixar unha versión comprimida (zip) ou o texto en pdf, gardados na nosa sección Documentos na que está recen engadido o Proxecto de Orientación Académica e Profesional (POAP).